A renovación do tradicional Mercado Municipal de Pontedeume e a súa próxima apertura, prevista para comezos da primavera, están a xerar moitas expectativas na vila.
Trala apertura do prazo de presentación de proxectos para optar a un periodo de concesión de 15 anos, o Concello recibiu un total de 13 candidaturas, que xa se atopan en proceso de avaliación.
Os criterios para outorgar a concesión son a comercialización de productos locais e de orixe ecolóxica, o respecto ó medio ambente coa utilización de maquinaria de baixo consumo ou a limitación na xeración de residuos, a entrega das compras a domicilio na área do casco histórico, a presenza en redes sociais, ou a posibilidade pago con tpvs para dar facilidades ós clientes.
Trátase dunha auténtica oportunidade de emprendemento na que os sectores tradicionais son os protagonistas. Entre os postos ofertados atopamos tres peixerías, dúas carnicerías, unha floristería, dúas froiterías, unha chacinería, unha tenda de produtos ecolóxicos e catro postos de produtos alimenticios novedosos.
Os locais máis pequenos contan cunha superficie de 10 metros cadrados cun canon mínimo de 900 euros máis unha mensualidade de 93€ , mentres que os máis amplos chegan a 42 m² por un canon mínimo de 3675€ máis 385€ ó mes.
O Concello de Pontedeume aposta por un Mercado Municipal acorde aos novos tempos, no que se conxugue a importancia do patrimonio histórico e arquitectónico do edificio coa promoción e a difusión dos produtos de proximidade.
Este Mercado destacará pola calidade dos produtos, a profesionalización dos praceiros e os servizos ofertados. Haberá continuas actividades de dinamización que o converterán nun gran motor económico da vila eumesa.
Discussion about this post