O Pleno do Concello de Pontedeume vén de aprobar unha moción esixindo solucionar as deficiencias no transporte escolar e nas conexións habituais coa liña A Coruña-Ferrol, recoñecendo a «preocupación central» que supón a mobilidade para os seus veciños.
Así, o Concello demanda á Xunta de Galicia garantir o transporte escolar público para todas as etapas educativas. Esta demanda nace dunha preocupación palpable: moitas familias vense forzadas a buscar alternativas, como taxis ou o propio vehículo familiar, para trasladar aos seus fillos aos centros de ensino, especialmente en zonas rurais ou afastadas.
Unha das críticas máis contundentes é a falta de adaptación dos horarios de buses ao día a día dos habitantes. No caso específico dos traxectos entre Pontedeume e A Coruña durante os días laborables, existe un baleiro de máis de dúas horas e media sen bus entre as 10:17 e as 12:25 horas e pola tarde o intervalo aumenta, sendo de máis de tres horas e media dende as 15:25 ata as 18:50 horas.
Os fins de semana, a situación empeora, especialmente para os estudantes universitarios que desexan volver ás súas casas ou regresar ás universidades. O primeiro bus dos sábados parte ás 10:58 horas e o seguinte non é ata as 12:32 horas, deixando espazos enormes entre os servizos.
Os domingos, o panorama é aínda máis complicado: dende as 12:30 ata as 18:02 horas non hai servizo de bus. Moitos estudantes universitarios informan que, a menudo, non logran tomar o bus das 18:02 horas debido á alta demanda, forzándoos a recorrer a taxis compartidos ou a esperar un período inaceptablemente longo polo próximo bus.
O concello tamén expresou preocupación polo illamento crecente que a vila experimenta debido ás deficiencias no transporte público, o que repercute negativamente no asentamento poboacional e promove un uso excesivo do vehículo particular. Esta situación, argumentan, vai en contra dos obxectivos de sustentabilidade ecolóxica que deberían guiar as políticas actuais de transporte.
Para rematar, o Goberno local sinala que «de pouco serven as campañas de bonificacións e tarxetas para mozos se non se ofrece un servizo de calidade, frecuente e adaptado ás necesidades da poboación».
Con esta moción, Pontedeume espera iniciar un cambio real e urxente na mobilidade local, que facilite a vida cotiá dos seus veciños e veciñas e promova unha conexión máis fluida e eficiente con áreas veciñas. A moción, impulsada polo PSdeG-PSOE tamén engadiu unha demanda do BNG para instar ao Goberno central a mellorar a liña de tren de proximidade entre A Coruña e Ferrol. Esta mellora implicaría modernizar o trazado, construír o bypass de Infesta e axustar as frecuencias e tarifas para garantir un servizo público de calidade.