A Unidade de Marcapasos do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol -CHUF- implícase novamente en facilitar o control remoto dos pacientes portadores de marcapasos. Esta mañá os profesionais desta Unidade desprazábanse a nove residencias da Área Sanitaria de Ferrol para facer o seguimento a un total de 31 pacientes.
O obxectivo é realizar a monitorización de marcapasos de forma remota xa que na actual crise sanitaria promovida pola Covid-19 resulta perigoso o traslado destes pacientes de alto risco. Polo tanto, o que se pretende é manter a calidade asistencial a través da telemedicina e a monitorización «in situ», evitando o desprazamento deste perfil de paciente.
Seguimento de 31 pacientes
O equipo de profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol desprazábase ó longo da mañá ós centros sociosanitarios cos programadores de marcapasos, e realizou o control técnico e o seguimento dun total de 31 pacientes con marcapasos. Subliñan que se extreman as medidas de control e limpeza dos programadores entre paciente e paciente.
A idea é que estas monitorizacións remotas veñan para quedar como un xeito de evitar os desprazamentos ás consultas dos e das pacientes portadoras de marcapasos, e que só se teñan que achegar cando se concrete esa necesidade polos propios profesionais ou porque haxa algún condicionante que o estableza
Perfil de paciente na Área Sanitaria de Ferrol
En termos xerais, na Área Sanitaria de Ferrol están a seguimento uns 1.500 pacientes portadores de marcapasos. Implántanse uns 180 dispositivos deste tipo ó ano no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. O perfil de paciente con trastorno do ritmo cardíaco, explican dende esta Unidade, é un home ou muller, non hai grandes diferenzas de xénero, cunha idade media de 80 anos.
Os marcapasos son uns dispositivos electrónicos deseñados para producir impulsos eléctricos que poidan estimular ó músculo cardíaco nos casos en que falla a estimulación fisiolóxica ou normal. Os marcapasos son pequenos computadores que vixían continuamente o ritmo do corazón; e se nalgún momento non se produce un latexado cardíaco, o marcapasos é capaz de detectalo e enviar un sinal eléctrico a través dos cables para que o corazón se contraia.