Brión convoca o VI Premio Laudamuco, o maior de teatro de Galicia

O galardón, cunha dotación de 7.000 euros, homenaxea á obra "Laudamuco, señor de ningures", de Roberto Vidal Bolaño
Imaxe promocional do VI Premio Laudamuco | CONCELLO DE BRIÓN
Imaxe promocional do VI Premio Laudamuco | CONCELLO DE BRIÓN

O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, convoca o VI Premio Laudamuco para Textos Teatrais, o galardón teatral de maior dotación económica en Galicia: 7.000 euros e edición da obra gañadora a cargo de Edicións Positivas. O alcalde brionés, Pablo Lago, explica que “coa convocatoria do Laudamuco pretendemos estimular e apoiar a creación dramática en galego e contribuír ao recoñecemento de Roberto Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura”.

De feito, o premio toma o seu nome en homenaxe a «Laudamuco, señor de ningures», obra de Vidal Bolaño estreada o 16 de maio de 1978 e que está considerada como o inicio da singradura profesional do teatro galego. Poderán optar ao galardón todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra serán libres e o prazo de admisión de orixinais, que deberán presentarse en formato dixital, rematará ás 23:00 horas do 2 de febreiro de 2024.

Presentación de orixinais

Para participar, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a [email protected], indicando no “Asunto” o texto “VI Premio Laudamuco” e anexando dous arquivos: o texto da obra coa que se concursa en formato PDF (que levará o seguinte nome: “Título da obra e pseudónimo ou lema elixido”, e non poderá conter ningunha clase de sinatura ou identificación da autoría) e unha plica en PDF (co nome: “Plica. Título e pseudónimo ou lema elixido” e que conteña os seguintes datos: título, pseudónimo, lema e datos da autoría como nome completo, DNI, móbil, teléfonos, mail, breve currículo).

O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral, proposto pola Academia Galega de Teatro. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes. Na proposta de resolución do xurado haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a súa resolución, procederase á apertura da plica gañadora nun acto público que terá lugar na terceira semana do mes de abril. O veredicto do xurado, que poderá declarar deserto o premio, será inapelable.

A entrega do VI Premio Laudamuco terá lugar o 16 de maio de 2024, no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 45 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.

Nas súas cinco primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Vicente Piñeiro por “Devólvenos a Xermánico” (2023); a teense Paula Carballeira Cabana por “Dentes de coello” (2022); o ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021); no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020); e no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019).

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.