A palabra concello fai referencia tanto ao órgano de goberno dunha vila como ao edificio que o alberga, denominado na Idade Media “casas do concello” e, posteriormente, tamén “casas de audiencia” ou, con máis frecuencia, “casa do concello”. Nun principio o común ou os rexedores municipais reuníanse en prazas, igrexas ou pórticos das mesmas. Os Reis Católicos en 1480 ditaron unha pragmática ordenando que todas as cidades e vilas tivesen “casas grandes y bien hechas en que hagan sus Ayuntamientos y Concejos, y en que se ayunten las Justicias y Regidores y Oficiales a entender en las cosas cumplideras a la República que han de gobernar”.
A utilización do plural, casas, obedecía a que non só chegaron a concentrar actividades de goberno, senón tamén cárcere ou locais destinados a actividades económicas (pósito, carnicería, mesón, cilla, etc.), ou aposentos para alguaciles, pregoeiros ou outros oficios municipais. A orde tardou en ser cumprida pola dificultade económica que supoñía a construción deste tipo de edificios. En moitos casos, habilitáronse edificios xa existentes e noutros construíronse de nova planta, preferentemente na praza pública máis importante. Normalmente eran de dúas plantas, con soportais e balconada; destinándose a parte alta ás actividades administrativas, onde había arcas para arquivo de documentos. Nestes edificios non faltaba unha torre do reloxo e un escudo na fachada principal, ben da monarquía, do señor, ou da vila.
A idade de ouro destas construcións foi o século XVI, pero moi poucas quedan destes primeiros momentos. Nos séculos seguintes, ata os nosos días, as vilas rivalizaron en dotarse de magníficos edificios, como un símbolo de puxanza e esplendor do desenvolvemento urbano. Así sucedeu en Santiago, cuxo sobresaliente edificio conserva no seu friso o nome do seu construtor e da súa vila de nacemento: BARTOLOMEU RAJOY Y LOSADA, NATURAL DE PONTEDEUME; ou en Ferrol, na praza de Armas.
O caso de Pontedeume
Non hai dúbida de que no século XVI o Concello de Pontedeume xa tiña unhas casas do concello que destruíu o incendio xeral da vila de 1607. O Concello acomete rapidamente a súa reconstrución, que é levada a cabo por Alonso de Sante e Domingo Vilar. As obras debéronse de prologar ata 1619-1626, momento en que Juan Pérez realiza escaleiras e muros, e Pedro da Cabana e Andrés Pereiro efectúan importantes intervencións na torre do reloxo. Con todo, o reloxo, que por mor do incendio se trasladou á torre da igrexa, non regresa ata 1628.
Na fachada ponse o escudo que fai referencia ao señor da vila; un escudo do que xa falamos noutra ocasión, e que foi picado en 1820 e restituído cando pasou o Trienio Revolucionario. Do antigo concello, que debeu de sufrir importantes reformas en 1749 e 1838, momento en que posiblemente desaparecen os soportais, só queda a fachada que, con todo, foi reedificada coas mesmas pedras no goberno municipal de Celestino Sardiña (1974).
Pouco sabiamos, sen embargo, do reloxo ata que se publicou o libro “Artistas dá Comarca Eumesa (s. XII-XIX)”, obra de Lucía Costas, Carolina Macedo e Henrique Sanfiz. Desde o primeiros momentos, o edifico debeu de contar cunha torre do reloxo. En 1735 Domingo Villar e Maceira arranxa o reloxo, pero o arranxo durou pouco porque tres anos despois o Concello manda recoñecer o seu estado ao armeiro Miguel de Soto, quen manifesta que está en tal mal estado que non se podía arranxar. A execución dun novo reloxo non foi fácil, pois non se realiza ata 1774 (polo custo de 9000 reais) por Ventura González; e iso tras as negativas de Pedro Varela, natural de Lyon, e do recoñecido reloxeiro de Santiago Fulgencio de Castro.
O reloxo do concello foi un elemento importante no devir diario da vila en momentos onde non existían os reloxos persoais ou cando estes aínda eran un obxecto de luxo. O Concello coidaba dilixentemente do seu bo funcionamento e para iso tiña un reloxeiro municipal, cargo que chegou a transmitirse de pais a fillos. Foi o caso de José Lourido e dos seus fillos, Sebastián, Pascual e José, que axudan a Ventura González a construír o reloxo municipal.
Os reloxeiros municipais, que tamén eran cerraxiros, e, nalgúns casos, ferreiros ou armeiros, non sempre cumpriron a súa función debidamente. E así, por exemplo, Martín Gato, reloxeiro municipal de Pontedeume entre 1666 e 1670, foi apartado das súas funcións, encarcerado e os seus bens foron embargados polo incumprimento da tarefa que tiña encomendada. Proba de que o Concello se tomaba o tema do reloxo moi en serio.