O mundo, independentemente de si cremos que co tempo foi mellorando ou que está cada vez peor, ofrécenos demasiados exemplos de desgrazas. Demasiada xente vivindo na pobreza, pasando fame, ou medo, escapando mentres poden ou morrendo cando non. Demasiados conflitos, afastados ou próximos, enquistados, xa case crónicos, ou recentes. Demasiados horrores, niveis de sufrimento que non podemos nin imaxinar, dores tan profundas que non concibimos como se pode sobrevivir a elas. Demasiadas crises, demasiado risco de derrube económico, político, institucional ou social. Demasiado temor, demasiada inseguridade, demasiadas dúbidas sobre o inmediato e moitas máis sobre o fondo.
E, de cerca, quen non ve a alguén que tivo mala sorte, que merece a nosa compaixón. Quen non coñece de primeira mano historias dramáticas, ou non é testemuña de traxedias e non sabe o duras que son algunhas das vidas que nos pasan polo lado. Vidas ante as que non temos máis remedio que pensar, para nós mesmos, sen que se note, que por fortuna non son a nosa; e que mellor non cambie nada, que non cambie nada.
Por iso dá vergoña queixarse. Dende o meu primeiro mundo, desde o confort da miña casa, despois de almorzar e sabendo que estamos seguros, dá vergoña. Supoño que mesmo roza a inmoralidade.
Pero o que pasa, como di Ilja Leonard Pfeijffer na súa interesante novela Grand Hotel Europa (Acantilado), é que a miña vida, á fin e ao cabo, non só é a única que teño, senón que é das poucas cousas de cuxa existencia estou case seguro. E cóstame non tela presente. Costa non facer caso ao que lle pasa a un.
E ás veces métome triste na cama, e moitas mañás esperto triste tamén. Por bobadas, por luxos como non atopar unha ilusión ou non ver un obxectivo por diante. Ou non sentirme comprendido e atoparme so. Por non poder estar con eles –sempre, sempre esa sombra, dende hai tantos anos- todo o que querería. Ou que sei eu. E pregúntome que fixen coa miña vida. E dígome que menos do que podería, e dende logo menos do que eu imaxinaba cando era un cativo e todo estaba aínda por empezar.
E a verdade é que ás veces estou mal. E gustaríame ter outro xeito de ser. O pensamento positivo, ou polo menos o que nos venden como tal, ese que nos manda mensaxes dende os mugs e Pinterest, paréceme bastante parvo, outra mostra do infantís que somos. Pero unha cousa é non crer iso de que querer sexa sempre poder, e outra moi distinta boicotear o meu propio día a día. Unha cousa é non perseguir todo o tempo a miña mellor versión, e outra ser o meu peor inimigo. E cánsome. Para consolarme, penso que teño algo en común con Borges, que dixo que cometera o peor dos pecados: non ser feliz. Pero cánsome de ser así e de estar a desperdiciar esta única oportunidade que teño de vivir.
Na casa temos a sorte de estar sans, de non ter problemas económicos e de ternos os uns aos outros. E ben sei o que significaría perder calquera das tres cousas. E, ademais, que pouca conciencia tería un que ter para lamentarse ante as imaxes dos fuxidos, dos desesperados, dos mortos no camiño. Que pode dicir ninguén das súas insatisfaccións, dos seus problemas de ego e do seu baleiro existencial diante da foto dunha nai sostendo o cadáver do seu fillo entre ruínas ou nunha praia. Nada. Nada.
Así que calo.