O pasado sábado 12 de setembro a asociación Iniciativa Dignidad Canina -InDiCan- daba a coñecer mediante as súas redes sociais a morte doutro animal máis na localidade mugardesa tras o continuado abandono dun touro. Hoxe luns, 14 de setembro, o animal segue no mesmo sitio onde botou o seu derradeiro alento, inamovible.
Inamovible igual que as administracións competentes, neste caso a Xunta e a súa Consellería de Medio Rural, a cal segundo afirmaba a presidente da Asociación, Lorena Fernández, non fixeron absolutamente nada por revertir esta triste situación que leva moitos anos sucedendo no municipio: «fai un ano denunciamos ante a Xunta o que estaba a acontecer, e incluso fixemos unha proposta para que estes animais foran trasladados, os bóvidos á granxa de Domingo Souto, no Coto -Mugardos- e o équido ás instalacións de Bea Heyder en Malpica. Dábamos todo practicamente feito pero nada, ignoraron a nosa denuncia, os escritos e todo o demais».
De feito, este ano fai uns meses o SEPRONA puxérase en contacto con eles porque iban a elaborar un informe amplio e exhaustivo polo que requerían de instantáneas e información, provocando que o individuo responsable esté a espera do que determinen os xulgados. «Varios membros da asociación fixéronse cargo destes animais mentres non se arranxara o problema, aínda que non puideron evitar a traxedia final», dicía Lorena.
Unha axuda que nunca chegou
Tal e como indican dende a propia InDiCan, despois de levar a cabo as respectivas denuncias e estar ao coidado das vacas abandoadas, puxéronse en contacto coa administración competente para que esta asumira as súas responsabilidades.
Posteriormente foron informados de que Tragsa sería a empresa encargada do seu trato polo que dende InDiCan deixaron de atender os bóvidos, pero finalmente non se salvaron as súas vidas: «Tragsa si chegou e asumiron a custodia, pero os coidados foron dende o primeiro momento deficientes e a todas luces insuficientes», afirmaba Lorena.
«Atopas aos animais atados, sen ningún tipo de abastecemento que lles permita sobrevivir, coas cordas atrapadas na súa pel ao nunca ser afrouxadas, unhas condicións pésimas e intolerables», remataba a presidenta da asociación, unha entidade que naceu fai un ano e que xa conta con máis de 75 membros na súa actualidade, e que desgrazadamente os números que rexistran falan por si solos, posto que dende o seu nacemento levan tramitadas ao redor de 300 denuncias sen contar as que están á espera de selo.