A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol celebrou onte no pazo municipal unha nova sesión plenaria. Nesta xuntanza, na que participan representantes dos municipios que integran o organismo —Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño— deuse conta das tres empresas que optan ao servizo de Atención Temperá que presta a Mancomunidade a través dun convenio coa Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps).
O novo contrato inclúe un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos dos nove concellos, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os pequenos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
Outros asuntos
Na sesión plenaria tamén acordouse trasladar á Xunta a situación na que se atopa actualmente o refuxio, no que moitos animais permanecen durante anos á espera da resolución dun expediente administrativo cando existen persoas interesadas na súa adopción, polo que se solicita ao goberno autonómico colaboración para que se solucione o bloqueo administrativo que sofren as adopcións de animais. Ademais, o pleno da Mancomunidade aprobou solicitar á Xunta que indique o protocolo aplicable aos animais que non son domésticos e se atopan en situación de posible maltrato ou abandono.
O pleno tamén abordou a situación actual do marisqueo na ría de Ferrol tras a intervención de Jorge López, patrón maior da confraría de Barallobre. Acordouse apoiar a petición dos mariscadores para que se realice un estudo integral da ría que revele os problemas existentes e deste modo poder dar unha solución á actual situación. Durante a sesión plenaria tamén deuse conta da evolución do programa integrado de emprego, do servizo de orientación laboral, fomento do cooperativismo e economía social e do servizo de normalización lingüística e turismo.