O Concello de Neda programou «Teatro en Familia», un ciclo que arrancará este domingo ás 18.30 horas coa compañía Teatro Avento Produccións e o seu último espectáculo «Ummm. Unha comedia musical para chuparse os dedos».
A partir de entón, as funcións continuarán no salón de actos da Casa da Cultura todos os domingos ata o último do mes de outubro. O ciclo inclúese no programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia e conta tamén co apoio da Deputación provincial.
Venda de entradas na Casa da Cultura
As entradas para cada un dos espectáculos terán un custe dun euro para o público infantil e de dous para o adulto e sairán á venda a mesma semana de cada función. Poderanse adquirir na Casa da Cultura de martes a venres de 9.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.
Así, para a función deste domingo o prazo ábrese mañá 22 de setembro. O calendario completarase coas obras «Canta miña pedra, canta» a cargo de Xoán Curiel e Charo Pita o domingo 4 de outubro -12.30 horas-, «Ela», de Caramuxo Teatro o domingo 11 de outubro -18-30 horas-, e «UP 2 DOWN» de Traspediante Danza o domingo 25 de outubro -18.30 horas-.
Ademais, os espectáculos desenvolveranse baixo un estrito protocolo de prevención fronte á covid-19, as prazas son limitadas e os menores deben ir acompañados dunha soa persoa adulta por unidade familiar, deixando así máis prazas para os máis pequenos.