A campaña ‘Toponimízate 2022’ procurará microtopónimos en 17 concellos

Pantón, Sada, Laza, Chandrexa de Queixa, A Fonsagrada, Covelo, Castrelo de Miño, Rodeiro, Fisterra, Ortigueira, Allariz, Oleiros, Ponteareas, Forcarei, Zas, Guntín e O Incio son os concellos onde se impartirán as charlas

Sinalética no concello de Ortigueira

A iniciativa de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra duplica neste ano 2022 a oferta de actividades e chegará a 17 concellos. Coordinada pola Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a campaña chega á súa quinta edición co obxectivo principal de difundir o valor da riqueza toponímica e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras no gran proxecto colectivo de salvagarda dos nomes de lugar a través da aplicación Galicia Nomeada.

Pantón, Sada, Laza, Chandrexa de Queixa, A Fonsagrada, Covelo, Castrelo de Miño, Rodeiro, Fisterra, Ortigueira, Allariz, Oleiros, Ponteareas, Forcarei, Zas, Guntín e O Incio son os concellos onde se impartirán as charlas con este dobre obxectivo.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron este mércores na sede da RAG a campaña. As sesións de Toponimízate, como en edicións anteriores, serán impartidas por Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e de Galicia Nomeada, contando coa colaboración do académico electo Gonzalo Navaza na elaboración das etimoloxías.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades fixo fincapé tamén “na importancia deste patrimonio inmaterial que temos o deber de protexer, coidar e divulgar, especialmente nas novas xeracións”. Valentín García salientou nesta liña que cómpre ademais promover a colaboración na recolla colectiva da microtoponimia, tratando de “involucrar o maior número de persoas posibles e facendo medrar esta nosa obra colectiva”.

‘Toponimízate 2022’ data a data

O concello lucense de Pantón abrirá o pano de Toponimízate 2022 o venres 17 de xuño no salón de actos da Casa da Cultura. Para o mes de xullo están reservadas tres datas: a primeira, o día 4 no Centro para a atención de persoas maiores de Mondego, en Sada, e terá como público de excepción os maiores sadenses, gardiáns da toponimia deste concello das Mariñas coruñesas, un concello, coma tantos outros, no que urxe recoller a microtoponimia. A segunda será o día 8, na Casa do Concello de Laza, ás 20:00 horas; e a terceira das charlas será en Chandrexa de Queixa, o venres, 29 de xullo, no antigo colexio de Celeiros. Xa en agosto, chegará a quenda do concello da Fonsagrada, o venres 19 a partir das 19:00 horas ao Salón de actos municipal dos Chaos.

Tras as citas do verán, o groso da campaña desenvolverase, como é habitual, no outono. Covelo será a sexta das paradas, o venres 30 de setembro, ás 11:30 horas. En outubro a campaña continuará en Castrelo de Miño (mércores, 5 de outubro ás 11:30 horas no CEIP Castrelo de Miño); Rodeiro (venres, 7 de outubro ás 20:00 no Centro Cultural Manuel Lamazares); Fisterra (luns, 10 de outubro ás 17:00 horas no salón de actos da Casa do Concello); Ortigueira (xoves, 20 de outubro ás 11:00 h no Teatro da Beneficiencia); Allariz (venres, 21 de outubro ás 20:00 horas na Casa da Cultura) e Oleiros (venres, 28 de outubro, ás 20:00 h no Auditorio da Fábrica, en Perillo).

Para novembro quedan as restantes citas, que serán en Ponteareas (mércores, 9 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal); Forcarei (venres, 18 de novembro, ás 12:00 horas no CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei); Zas (luns, 21 de novembro, ás 16:30 h na sala de usos múltiples do IES Maximino Romero de Lema de Baio); Guntín (mércores, 23 de novembro ás 12:00 horas na Casa da Cultura); e, finalmente, no Incio (venres 25 de novembro ás 19:00 horas no salón de usos múltiples do Casa do Concello).

Coas 17 sesións que se van levar a cabo este ano, a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega xa a un total de 70 concellos do país.

Salir de la versión móvil