A Praza de Ferrándiz de Ferrol culmina a súa transformación cunha nova zona verde para a veciñanza

A actuación da Deputación da Coruña mobilizou máis de 570.000 euros e renovou máis de 9.500 metros cadrados do barrio de Esteiro con zonas axardinadas, xogos, equipamentos deportivos e melloras de accesibilidade
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitaron hoxe a praza de Ferrándiz, no barrio de Esteiro | Deputación da Coruña
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitaron hoxe a praza de Ferrándiz, no barrio de Esteiro | Deputación da Coruña

A Praza de Ferrándiz, no barrio ferrolán de Esteiro, conta xa cunha nova configuración tras a finalización das obras de remodelación impulsadas pola Deputación da Coruña. A actuación permitiu recuperar un espazo urbano que permanecía en boa parte infrautilizado e convertelo nunha zona verde, accesible e pensada para a convivencia da veciñanza.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitaron este xoves o resultado dos traballos, que supuxeron un investimento de 570.601,24 euros e afectaron a unha superficie de máis de 9.500 metros cadrados.

Unha praza con máis zonas verdes e novos usos

A remodelación incorpora novos espazos axardinados e arborado, percorridos peonís e diferentes equipamentos para ampliar os usos da praza. Entre eles atópanse unha área de xogos infantís e outra dotada con equipamento biosaudable para a práctica de exercicio físico.

A actuación tamén renovou as beirarrúas para mellorar a accesibilidade, instalou novo mobiliario urbano e iluminación eficiente e incorporou un sistema automatizado de rego.

No perímetro da praza reorganizouse ademais o estacionamento, coa creación de 26 prazas reguladas.

Recuperación da memoria de Esteiro

O proxecto mantén unha relación directa coa historia do barrio e recupera elementos que evocan a configuración do antigo Cadro de Esteiro, o espazo trazado no século XVIII que funcionaba como acceso aos estaleiros ferroláns.

O deseño respecta a estrutura xeométrica histórica do enclave e recupera tamén a presenza do arborado que tradicionalmente delimitaba este espazo.

Durante a visita, Formoso sinalou que a intervención combina “a recuperación da memoria urbana de Esteiro cunha forma moderna de entender o espazo público: máis verde, máis accesible e pensado para as persoas”.

Turismo ligado ao patrimonio militar

A actuación tamén se integra na estratexia de dinamización turística vinculada ao patrimonio militar da contorna de Ferrol. Formoso avanzou que a Deputación apoiará con fondos propios novas actuacións acordadas co Concello, entre elas unha intervención no Observatorio Meteorolóxico de Monte Ventoso.

O proxecto forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino «Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra», financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.

Pola súa banda, José Manuel Rey destacou a colaboración entre ambas as administracións e sinalou que a intervención se sitúa nunha das entradas históricas da cidade, a de Fonte Longa. O alcalde vinculou a actuación tamén ao proxecto de dinamización turística das baterías e asegurou que o novo espazo queda agora “a disposición dos veciños”.

Co remate das obras, a Praza de Ferrándiz recupera o seu papel como un dos principais espazos públicos de Esteiro, combinando áreas verdes, equipamentos e zonas de paso e estancia nun ámbito renovado para o uso diario da veciñanza.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.