A Deputación impulsa un proxecto pioneiro co CSIC para conservar especies vexetais ameazadas da provincia

A institución provincial destina 20.000 euros á investigación dos solos e microorganismos asociados á flora en risco de desaparición para mellorar a súa protección
A herba de namorar, unha das plantas máis ameazadas | Pixabay
A herba de namorar, unha das plantas máis ameazadas | Pixabay

A Deputación da Coruña apoiará un proxecto pioneiro de conservación das especies vexetais ameazadas da provincia en colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A iniciativa, que será desenvolvida pola Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) ao longo de 2026, permitirá avanzar no estudo e preservación dos solos e dos microorganismos asociados ás plantas en risco de desaparición, considerados fundamentais para garantir a súa supervivencia e favorecer a recuperación dos ecosistemas

Investigación para protexer a biodiversidade

O convenio, aprobado polo pleno da Deputación, contempla unha achega de 20.000 euros por parte da institución provincial, o que supón o 77,68 % do orzamento total do proxecto, cifrado en 25.744,60 euros.

O traballo centrarase non só na conservación das especies vexetais incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas presentes na provincia, senón tamén na análise dos solos nos que medran e das comunidades de microorganismos que conviven con elas, un elemento clave para manter a fertilidade do solo, favorecer a adaptación ao cambio climático e mellorar a restauración dos ecosistemas.

Corenta e dúas especies na provincia

Na actualidade, o Catálogo Galego de Especies Ameazadas recolle 65 especies en Galicia, das que 42 están presentes na provincia da Coruña. Delas, 24 atópanse en perigo crítico de extinción e outras 18 están catalogadas como vulnerables, unha situación que evidencia a necesidade de reforzar o coñecemento científico e as medidas de conservación.

O proxecto permitirá elaborar unha base de datos coa información dispoñible sobre estas especies, recompilar e analizar mostras de solo, estudar as comunidades microbianas asociadas tanto ao terreo como ás propias plantas e conservar material xenético para futuras investigacións e posibles actuacións de restauración ecolóxica.

Coñecemento para mellorar a xestión ambiental

A iniciativa pretende ofrecer novas ferramentas científicas que contribúan a orientar as políticas de xestión ambiental e reforzar a protección das especies máis vulnerables da provincia.

Ademais do labor investigador, o proxecto incluirá accións de divulgación dos resultados mediante publicacións científicas, encontros especializados e a creación dun catálogo das mostras conservadas, co obxectivo de facilitar futuras investigacións e seguir avanzando na conservación da biodiversidade galega.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.