«Iribarne» triunfa nos María Casares con nove premios

A produción de ButacaZero levou nove galardóns nunha gala que tamén premiou a Sarabela Teatro, Redrum e Excéntricas, nun ano marcado pola calidade e a diversidade escénica
IRIBARNE_GeraldineLeloutre-108

A obra «Iribarne», da compañía ButacaZero, foi a gran triunfadora na última edición dos Premios María Casares, celebrada este mércores no Teatro Rosalía da Coruña. A produción, unha sátira que xira arredor de figuras clave da transición española, levou nove dos doce galardóns aos que aspiraba, incluídos mellor espectáculo, dirección, texto orixinal e os principais premios interpretativos.

Dirixida por Xavier Castiñeira e con texto de Esther F. Carrodeguas, a obra foi tamén recoñecida nas categorías de dirección de movemento (Sabela Domínguez), espazo escénico, vestiario e espazo sonoro.

A segunda produción máis premiada da noite foi «O dragón de ouro», de Sarabela Teatro, que obtivo catro galardóns: adaptación-tradución, iluminación, actriz secundaria e un premio compartido ao espazo escénico.

Tamén houbo recoñecementos para o teatro infantil e de monicreques: «Monstros», de Producións Teatrais Excéntricas, foi elixido mellor espectáculo infantil, e «Os contos do Lobicán», de Redrum Teatro, gañou na categoría de monicreques.

Unha homenaxe aos intérpretes ambulantes

A gala, cunha posta en escena humorística a cargo de Sarabela Teatro e baixo a dirección de Fernando Dacosta, rendeu homenaxe aos intérpretes ambulantes, esenciais na difusión do teatro nas zonas rurais de Galicia. Pero máis alá da celebración, tamén houbo espazo para a crítica. Eva Fórneas, vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, cualificou como «preocupante» a situación do galego, lembrando que «sen a nosa lingua, moitos de nós non teriamos traballo».

Houbo tamén reivindicacións sociais, como o rexeitamento ao proxecto industrial de Altri, e críticas á CRTVG por non retransmitir en directo a cerimonia. O recordo ao actor Xavier Deive, falecido o pasado ano, estivo moi presente: a súa familia recolleu o Premio de Honra Marisa Soto nun dos momentos máis emotivos da noite.

Nun sector que recoñece a súa precariedade, a gala serviu tamén para mirar ao futuro. A actriz Lida Veiga agradeceu as primeiras oportunidades que recibiu tras saír da escola de interpretación, e Anxo Outumuro pediu seguir investindo en formación artística: «Hai que axudar os nenos a soñar con facer o que lles gusta».

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.