O Deportivo será da Coruña: galeguizará o seu nome en maio

O clube galeguizará o seu nome, adoptando o topónimo oficial da cidade: será en maio, "nunha data moi sinalada"
Imaxe de arquivo da campaña 'Aquí tamén se fala', coa que os alumnos do IES Rafael Dieste reivindicaban a galeguización do nome do Dépor | @AQUITAMENSEFALA
Imaxe de arquivo da campaña 'Aquí tamén se fala', coa que os alumnos do IES Rafael Dieste reivindicaban a galeguización do nome do Dépor | @AQUITAMENSEFALA

Unha das reivindicacións máis históricas do deportivismo está a punto de converterse en realidade en 2026. O histórico club Real Club Deportivo de La Coruña mudará a súa denominación oficial para adaptarse ao topónimo galego, pasando a chamarse Real Club Deportivo da Coruña, nun movemento simbólico que coincide co 120 aniversario da entidade.

A nova foi avanzada polo escritor e xornalista Javi Guillén e o programa ‘A Penaltis’ da Radio Galega, aínda que polo momento o club non confirmou oficialmente a decisión. Segundo estas informacións, o anuncio producirase no mes de maio «nunha data moi sinalada», polo que todo apunta a que coincidirá coa celebración do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

Unha campaña nacida nas aulas e na rúa

A iniciativa parte da campaña #ODeporéDaCoruña, impulsada pola mocidade do IES Rafael Dieste dentro do proxecto #Aquítaménsefala, que leva un ano mobilizando apoio social e cultural. A acción foi acompañada de concertos, actividades nas rúas e a distribución de miles de adhesivos, acadando unha notable repercusión na cidade.

«A restitución é unha vitoria popular que foi empurrada pola mocidade estudantil galega e o Deportivo, á altura da súa historia, recolle todo este sentir esmagadoramente maioritario: nunca tivemos a máis mínima dúbida que se conseguiría, que o club ía responder», celebra Alberto Pombo, impulsor da iniciativa ‘Aquí tamén se fala’.

Neste proceso, entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística destacaron o papel da campaña e felicitaron tanto á mocidade como ao club polo paso dado cara á galeguización do nome. O proceso deberá pasar por unha xunta de accionistas, aínda que se espera que non existan obstáculos significativos debido ao control maioritario de Abanca sobre a entidade.

Unha modificación histórica tras máis de 80 anos

O cambio será o primeiro no nome do club en máis de 85 anos. A última modificación relevante produciuse en 1941, cando se recuperou a denominación de Real Club Deportivo de la Coruña tras a etapa da Segunda República. Agora, o club prepárase para unha nova etapa na que o nome oficial pasará a reflectir o uso do topónimo galego, nun momento clave da súa historia.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.