O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, lamentou hoxe o voto en contra do PP a unha proposta socialista tratando de recabar o apoio da Xunta á implantación do proxecto anunciado pola multinacional danesa do transporte de mercadorías por mar, Maersk, en Galicia. Seco presentou unha proposición non de Lei emprazando á Xunta a utilizar as súas competencias neste sentido que foi rexeitada polo PP. Seco lamentou o “grao de incapacidade” amosado polo presidente da Xunta antes e despois do anuncio do acordo entre o goberno de España e a multinacional do proxecto para implantar en Galicia un proxecto industrial para o abastecemento de combustible ecolóxico. Advirte que, malia que a empresa hai anos que opera no porto de Marín, o presidente da Xunta declarou un total descoñecemento do proxecto.
Lamentou a falla de interese amosado polo goberno galego no traballo de captación de proxectos industriais, limitándose a ofrecer unha “colaboración” sen precisar, o que “da a impresión de que unha vez máis será un brinde ao sol”. O parlamentario socialista advertiu que as políticas de captación de empresas do PP están máis próximas ás declaracións do alcalde de Arteixo, sinalando que o proxecto de Maersk lle daba “asco”. Lembra que o proxecto da navieira inclúe dous grandes centros de abastecemento de combustible en España, un deles en Galicia e outro en Andalucía, que suporían un investimento de 10.000 millóns de euros e que xerarán 5.000 empregos directos, 40.000 indirectos e outros tantos na fase de construción.
O grupo socialista reclamoulle hoxe á Xunta que comprometera as súas competencias económicas, industriais e territoriais para unha maior captación de proxectos industriais, impulsando o proxecto de Maersk en Galicia. Reclamou un Plan de desenvolvemento das enerxías renovables racional e escrupuloso na tramitación ambiental, ademais de comprometido socialmente na creación de emprego e valor engadido no país.