—AÍ. Falemos dos teus comezos e do nacemento da túa vocación.
—AB. Foi no colexio da Xunqueira, en San Valentín, en 8º de EXB cun profesor que se apelidaba Sabín, de San Sadurniño. O home dábanos matemáticas e ximnasia pero facía actividades extra escolares co cinema, en cintas de VHS, e faciamos afiches das películas e me explicaba para que servía cada tipo de traballo nas películas. Eu quedeime co de director de fotografía e xa foi unha obsesión. Desgraciadamente o home faleceu pouco anos despois, moi novo.
—AÍ. Logo fórmaste na Coruña, non?
—AB. Si, primeiro estudei nunha escola de fotografía e logo xa apareceu a Escola de Imaxe e Son de Someso, con Manolo González á cabeza, todo moi experimental e moi pragmático. Non se entraba por estudos ou cartos senón por bagaxe cultural. Recordo un exame analizando imaxes de películas de Hitchcock e Coppola. E ao pouco xa estaba facendo traballos de iluminación, fotografía, etc.
—AÍ. Estamos nesa Galicia da segunda metade dos 90 na que comeza o audiovisual do país.
—AB. Si, despois dun arranque con “Sempre Xonxa”, “Urxa” e “Continental” pasan uns anos de parón pero a cousa se retoma con varias coproducións con Madrid e con produtoras galegas como Continental, de Pancho Casal, e Filmanova, de Reixa. Nese momento eu teño dúas opcións, seguir estudando cunha beca que me deron para a escola de cine de Cuba ou meterme de cheo a traballar porque me ofreceran aquí ser técnico de iluminación. Escollín o segundo.
—AÍ. Por que esa escolla?
—AB. O cinema é un oficio como outro calquera, como zapateiro, e nel aprendes traballando, neste caso coas luces, diafragma e eu estudaba de preto aos directores de fotografía. Ao final debín participar nesta época nuns 35 proxectos.
—AÍ. Tardaches en dar o salto á dirección de fotografía?
—AB. Un pouco, quixen seguir formándome e pasei en 2003 pola Escola de Cine de Cataluña, nun curso de posgrao cun profesional enorme, Tomás Pladevall. Xa de volta a Galicia comecei en 2005 cun traballo de Judas Diz e a partir de aí xa me enganchei e levo unhas vinte longametraxes en Galicia, España, Portugal e os Estados Unidos.
—AÍ. Nos estados Unidos rodaches “A foreign song” que imaxino que non vas esquecer.
—AB. Non, é un documental sobre o poeta Wallace Stevens, pero fotografando a paisaxe de Connecticut en inverno, retratando un estado de ánimo. Adiantamos a rodaxe porque ía nacer a miña filla Icía e resulta que chegou antes do previsto, pero non paramos e ao final só unha semana despois xa tiña á nena no meu colo.
—AÍ. Que é o máis importante para un director de fotografía?
—AB. Ver como funciona a luz en cada espazo, a súa atmosfera, e como podes traballar con ela, con que filtros, as súas texturas, as súas sombras. Cando vou a un sitio procuro gardar na memoria a luz de cada lugar.
—AÍ. Ese sería o resumo do teu traballo como director de fotografía?
—AB. É o máis importante pero hai outros elementos: mergullarse de cultura, ver moita pintura, escultura e cine, ler canto se poida… Hai que activar a mirada e gardar esa atmosfera para amosalas en corpos, peles e facianas de actrices e actores cando o necesites, e organizando o traballo con quen dirixa a película para subliñar a psicoloxía dos personaxes e transmitir emocións.
—AÍ. Por proximidade estética, con quen che gustaría traballar no noso cinema?
—AB. Encantaríame colaborar con Carla Simón e con Oliver Laxe, con quen xa estiven a piques de facer algo. Admiro o traballo de ámbolos dous.
—AÍ. Este ano rodaches en boa parte de Ferrol, Pontedeume ou Fene entre outros lugares “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo, que se presentará en 2025. Como foi a experiencia?
—AB. Moi especial porque moitas das paisaxes nas que rodamos son as da miña infancia e iso é moi emocional. Ademais hai un traballo clave que é o de preprodución, que non se ve pero que leva tempo e é necesario. No noso cinema traballas con cartos públicos e tes que ser preciso coa rodaxe, non gastar tempo que ao final é diñeiro. Así, a localización e puiden facela con Margarita, amiga e a quen admiro, e coa guionista, que é Eva Veiga. Houbo moita complicidade e foi moi emocionante por exemplo revivir un serradoiro de Nogueirosa ou a cafetería Brasilia de Pontedeume. Ademais a historia é moi potente acerca da vida dunha muller real.