Alberto Gracia: “O cinema vai máis ao corazón e amosa cousas que a linguaxe non pode”

A cidade de Ferrol volve ser centro dunha produción audiovisual grazas ao galardoado director Alberto Gracia. Pero neste caso a excelente “La Parra”, a película que está desde o día 13 de decembro nos cines Dúplex, ofrece outra cara da cidade menos romántica pero non menos real, adaptada ao estilo do director ferrolán

TEXTO: Nicolás Vidal | FOTO: Kiko Delgado

—AÍ. Como estás a vivir a recepción da túa longametraxe “La Parra”?
—AC. Desconectado de cifras. Hai a quen lle gusta e a outros, máis pro Netflix, non tanto. Temos un problema estrutural no cinema. Hai a opción de tratar de facer algo artístico e logo o modelo ianqui, no que só o rendible vai para arriba. E a min iso non me interesa demasiado.

—AÍ. Para quen fas películas?
—AG. Para a xente, para todo tipo de xente. Pero como as reciben xa é outra cousa. Para min o primeiro é a obra en si, máis a obra que o público. E logo ir a miña bóla, lento pero verdadeiro aínda que haxa quen vaia lambendo cus e seguro que chega antes, pero cada quen ten as súas prioridades. Aínda así non quero ir de maldito.

—AÍ. A que directores admiras no mundo do cinema?
—AG. A moita xente, cine de autor de calidade desde Kaurismaki ou Buñuel, na película nótase, ata creadores de agora como Óliver Laxe, Albert Serra, Alice Rohrwarcher, Gala Hernández, Carla Simon…

—AÍ. Na película os personaxes ven a televisión, interésache o medio?
—AG. Moi pouco. Só vexo “Pasapalabra”, “First Dates” e partidos de baloncesto. As ideas sácoas das lecturas e do contraste do que a xente pensa das cousas e da miña propia experiencia persoal.

 

“O cine é a linguaxe das maiorías”

 

—AÍ. “La Parra” ábrese cunha cita do escritor Augusto Monterroso: “Hai tres temas: o amor, a morte e as moscas”.
—AG. Gustoume por unir o elevado e o que non o parece. O cine pode amosar cousas que a linguaxe non pode, —vai máis directo ao corazón. O cine é a linguaxe das maioría dos nós damos voltas a temas que nos obsesionan, como ten expresado Joan Fontcuberta. No meu caso esta obsesión é a ficción.

—AÍ. En “La Parra” o teu Ferrol é o espazo protagonista.
—AG. Si, aínda que buscaba algo universal. Pero interesábame Ferrol porque ademais de coñecer a cidade é o paradigma dese sistema en ruínas da vella Europa, racionalista, militarista e industrial.

—AÍ. Pero que che aportou a cidade?
—AG. Moitas cousas, para empezar os actores, dos que agás tres profesionais o resto nace dun casting popular que fixen aquí. Logo houbo curiosidades como que rodada nun mes de febreiro eu imaxinaba que algún día chovería, para axudar a darlle un punto escuro á historia. Pois non, fíxonos sol todos os días.

—AÍ. E o de centrar a historia nunha popular pensión?
—AG. Coñézoa La Parra de sempre. O fillo de Pilar, a dona que sae na película, é amigo de sempre e vía a xente que paraba alí e me fascinaba. Quixen ollar a ese mundo e a eses seres pero espero que con tenrura.

—AÍ. Citas aos actores, que están estupendos. Como foi o traballo con eles?
—AG. É unha das claves, porque como director aos profesionais tes que controlalos, e aos amateurs tes que traballar para que interioricen as súas frases. Para min foi o traballo principal.

—AÍ. Na película mesturas elementos dramáticos, sinistros incluso, co humor. Conforman estes elementos o teu estilo?
—AG. Shakespeare escribía para dous tipos de público, a platea que vía as súas obras como traxedias e unha minoría que as vía como comedias. Eu trato de facer dúas películas nunha, e iso hai que estudalo, traballalo moito, e non ter opinión dogmáticas. E outra cousa sobre o estilo, o orzamento dunha película marca o estilo. Nesta é de 300.000 euros, que para unha longametraxe é baratísimo, ninguén a faría por eses cartos. De feito se a próxima non conta con dez veces máis non a fago, prefiro facer eu algo coa miña cámara, cine de autor.

—AÍ. Vés do mundo das Belas Artes e rematas no cinema. Como foi esa evolución?
—AG. Moi orgánica e lóxica. Pasei da pintura á escultura móbil e de aí a facer curtas e agora longas. Esa evolución creo que aporta unha ollada distinta, como a de todos aqueles que non pasamos por unha escola de cine, algo que ás veces uniforma e homoxeneíza as miradas.

—AÍ. Traballas xa no próximo filme?
—AG. Nesas ando. Unha película para tempos nos que amar cada vez é máis difícil porque todos estamos obsesionados con nós mesmos e coa imaxe que queremos transmitir ao mundo, aínda que sempre quero deixar un espazo para a esperanza. Só podo dicir que é un proxecto internacional centrado na industria téxtil e que se rodará en boa parte no deserto.

Salir de la versión móvil