—AÍ. Creastes Sarao Studio no centro de Ferrol hai un ano. Que pasou desde entón?
—SS. Nun principio a xente anima moito e amósase moi activa, as novidades son excitantes. Logo, moitas das actividades coas que contabamos que houbera participación non foi así, pero entendemos que iso pasa con todo o mundo, gusta que existan locais como este pero o público ten que coller confianza para participar nas propostas que se lles fai. Tes que aguantar para que a xente colla confianza, vexa que tipo de iniciativas desenvolves e se anime a pedirche que fagas isto ou o outro. Pasa en Ferrol ou en calquera cidade deste tamaño.
—AI. Pero polo menos sobrevivides e con proxectos.
—SS. Os principios sempre son complicados pero con esforzo tiras para adiante. Sempre tivemos claro que os primeiros meses serían de traballo de galería e logo xa ir diversificando a facer obradoiros, espazo de coworking, etc. Tamén puidemos dedicarnos só a galería ou organizar exposicións de artistas noutros lugares como o Torrente ou outros espazos públicos, que non se descarta. Pode parecer agora que a cousa vai lenta pero a marea segue a subir e xa hai consecuencias.
—AÍ. De que tipo?
—SS. En setembro cambiamos de ubicación, marchamos ao número 230 da estrada de Catabois. O local novo triplica o espazo deste. O aluguer non é máis barato pero ten 300 metros cadrados, esta é a razón do cambio. As propostas serán as mesmas pero trataremos de potenciar os talleres e o coworking, no que estamos na actualidade un arquitecto, dous deseñadores e un interiorista, pero queremos medrar porque neste espazo actual temos a actividade moi limitada. Ter un traballo creativo pero crear sinerxias de colaboración entre todos. Hai pouco máis dun ano a restauradora Laura Freire e o deseñador Néstor da Silva inauguraban no nº61 da rúa Real de Ferrol Sarao Studio.
“Gústanos facer un traballo de ponte cos novos creadores”
A experiencia como un novidoso espazo de mostra e creación no centro da cidade foi tan positiva que o lugar se lles quedou pequeno e cara setembro mudarán a un novo local en Catabois. Aquí só medrou a galería en si e a idea é multiplicar o resto das actividades grazas ás facilidades de espazo, ter máis eventos culturais: continuar con presentación de libros pero aumentar a proxeccións de cine, concertos, danza, etc.
—AÍ. Entón neste ano en que a parte máis visible foron as exposicións, que perfil de artistas amosaron a súa obra?
—SS. Sobre todo estudantes de Belas Artes, moitos de Pontevedra pero de toda Galicia e de España tamén, non temos cancelas xeográficas. Ese perfil é o que nos interesa porque sabemos o que significa rematar a carreira, ou sen rematar, e non ter espazos para expoñer a túa obra porque ninguén te coñece. Algo que pasa en todos os lados, aquí ou en Madrid. Por iso nos gusta facer un traballo de ponte. Neste sentido tivemos algunhas alegrías como xente que nos dixo que grazas a expoñer por vez primeira en Sarao mellorara o seu curriculum e os chamaran doutros lugares.
—AÍ. Aínda que as vendas non sexan grandes.
—SS. Non, pero coidado que nos levamos sorpresas neste sentido e incluso as cousas foron nalgúns casos máis reconfortantes e gratificantes do agardado. De feito todo isto entraba nun ciclo que nós denominamos “El primer escalón” para facer pasar á xente nova de amosar a súa obra en cafeterías ou espazos menores a facelo na galería. É un tipo de iniciativa necesaria se queremos ofrecer oportunidades e deter a marcha de talentos.
—AÍ. E a experiencia noutras actividades: presentación, obradoiros…?
—SS. As presentación de libros funcionaron ben os talleres, os que ofrecemos nós ou outra xente aquí, tamén foron a máis pero ao final tiñan o problema do espazo, por iso a necesidade dun lugar maior.
—AÍ. Tivestes contacto coa administración local?
—SS. Ao principio dubidamos se desenvolver unha actividade totalmente privada ou traballar co sector público. Cando decidimos seguir un camiño intermedio non tivemos moita colaboración nun principio, pero ultimamente si. Hai un proxecto moi interesante, da man do Concello, ao que aínda se lle está a dar forma e a ver se sae como agardamos. Por certo que temos que aplaudir o gran traballo que desenvolveu o que foi ata hai pouco técnico de Cultura de Ferrol, Marcos Lorenzo, alguén moi válido ao que desde xa se lle bota de menos.
—AÍ. Que teredes nas próximas semanas na galería?
—SS. O 5 de xullo inauguramos unha mostra con fotografías e instalacións de Sabela Eiriz e xa en agosto, unha exposición con dez ou quince alumnos de Pontevedra sobre os procesos de creación artística. Seguimos a apostar pola xente nova pero nos gusta poñela en contacto con creadores veteranos. Resulta enriquecedor para ambas xeracións así como ver as múltiples formas que hai hoxe para desenvolver a creación artística.