Narón acolleu o día 18 de maio a representación do espectáculo teatral Iribarne, peza multidisciplinar coproducida por ButacaZero, o Centro Dramático Nacional e a Mostra de Teatro de Ribadavia. A obra está a ter destacada fortuna crítica e de público e ten entre as súas protagonistas a unha das grandes actrices do país, Mónica García.
—Iribarne fala da figura de Fraga pero tamén de moitas outras cousas.
—Claro, non é un biopic ao uso. Fálase da súa historia pero fálase da historia de España e de Galicia e de moitos acontecementos que a xente coñece e descoñece. E faise tamén con música e ata con baile!
—Estivestes un mes coas entradas esgotadas en Madrid. Unha obra que aínda que non o pareza dura nada menos que tres horas.
—Si, a colaboración co Centro Dramático Nacional axuda, pero ten moito mérito coa oferta cultural que hai en Madrid. E segue a funcionar moi ben.
—Esther Carrodeguas escrebe e tamén actúa en Iribarne. Como nace o proxecto?
—Esther comentounos que, de casualidade, ela e o director Xavier Castiñeira estaban polo Levante diante duns edificios para turistas e que se preguntaron que como nacera aquilo do turismo, e claro, detrás estaba a figura do ministro de Franco. Tirando do fío comezaron a saír cousas de Fraga e a pensar que de aquel home que tanto poder tivo non se fixera nada. E había ganas. Por iso penso que o éxito desta obra nace xa desde a escolla do tema.
—O teu traballo, tanto aquí como coa compañía Chévere, é crear teatro como un xeito de
facer memoria, de onde vimos e quen somos.
—Creo que é fundamental sobre todo para a xente nova, co teatro e coa creación en xeral. Usar esta arte como un medio de información, lúdico, pero como un xeito de contar a historia que non sempre se fai co público. De feito cando fixemos con Chévere a obra Nevermore moita xente nova non sabía que fora o do Prestige. E aquí pasa o mesmo coa Transición, coa figura de Fraga…
—Insisto en que o espectáculo en si dura tres horas aínda que polo ritmo semella a metade. Como se logra iso?
—É complicado: as coreografías, os nervios do atrezzo detrás do escenario, portas que se abren… Hai moito traballo de dirección e moita esixencia física. Pero pagou a pena, o espectáculo segue este ano e xa confirmado para o próximo tanto en Galicia como no resto de España.
—A nivel persoal segues moi metida no teatro e menos no audiovisual. Por algún motivo?
—Pois dáse unha tormenta perfecta. Dunha banda, as mulleres, pasados os cincuenta anos xa non existimos para o audiovisual. Pasan os corenta e se che complican os papeis ata ser avoa. Danse moitos casos como que a nai dun actor apenas lle leve dez ou cinco anos reais… E isto pasa coa metade da poboación! Hai que ir cambiando as historias e que as ficcións da televisión e do cinema se ocupen de todo tipo de personaxes femininos. Agora hai unha xeración de directoras e seguro que a cousa irá cambiando, pero na actualidade a situación é a que é.
—O outro problema?
— No caso de Galicia, que logo de anos de facer un montón de series que funcionaron moi ben e das que saíron moitos profesionais, no meu caso con Pratos combinados, agora a TVG xa non fai ficción, cando debería ser unha das súas prioridades.
—Tes algún proxecto neste ámbito?
—Cousas puntuais, un pequeno personaxe na serie de Netflix sobre o caso Asunta, fago de muller de Carlos Blanco, ou na serie infantil Los argonautas de Portocabo para RTVE, cousas concretas. Pero non me podo queixar e sigo con moito traballo en teatro. Con Chévere e coa compañía Redrum, que temos en cartel unha obra fantástica de Juan Mayorga, Hamelin.
—No caso de Chévere, unha das compañías de referencia do país, levas xa tres décadas.
—Sí, aí comecei como profesional e continúo. Seguimos cos espectáculos de cabaret das Ultranoites e co espectáculo Fillas Bravas. Resulta moi gratificante traballar nunha compañía así, cun público fiel e cunha vía que foi pasando desde o lúdico nun principio ata un teatro máis social e co que compartes moitas cousas coa xente como o caso de Nevermore, de Citizen, etc. E todo ese cambio funo vivindo co paso dos anos e foi moi enriquecedor.
—E o 18 regresas a Narón, que cres que supón nestes anos a súa aposta teatral?
—Narón é unha praza de referencia no mundo do teatro e un exemplo de xestión pública para ofrecerlle ao público unha opción de ocio e acabar incluso producindo espectáculos de seu. Tamén de crear unha programación e de mantela no tempo. É moi de agradecer e dá moita seguridade actuar aquí.
Texto: Nicolás Vidal