Narón Kids: “A paixón que sentimos na pista de baile vai máis alá dos títulos que podiamos conseguir”

A compañía de danza coreográfica campiona do mundo chámase Narón Kids. Dirixidas por Román Romero, estas once rapazas e un rapaz acadaron hai un par de meses o prestixioso título en Tarragona, aínda que xa durante o ano lograran para o Club de Baile Deportivo Narón o título de Galicia e o de España

O grupo Narón Kids, campión do mundo de danza coreográfica | CLUB DE BAILE DEPORTIVO NARÓN

Detrás das luces e os aplausos que resoan nas competicións, hai historias de dedicación e paixón como a de Narón Kids, un equipo de danza coreográfica que converteu o esforzo en éxito a nivel internacional. Este grupo galego que non só dominou os campionatos de Galicia e España, senón que tamén se alzou co título mundial en Tarragona.

Dirixido por Román Romero, o equipo, composto por once rapazas e un rapaz, destacou non só polos seus logros, senón pola constancia e o amor polo baile que mostran cada vez que pisan o escenario. Ao longo do ano, Narón Kids non só acumulou premios, senón que tamén cultivou un espírito de equipo e mellora continua, elementos clave na súa traxectoria cara ao éxito.

—AÍ. Só podedes igualar a temporada actual: campionatos de Galicia, España e o mundo. Xa tocastes teito?
—NK. A verdade é que o noso obxectivo agora é seguir conseguindo e mantendo os nosos títulos acadados este último ano, sempre con esforzo, sacrificio e moito traballo. E para nós o máis importante é demostrar todo o aprendido e mellorar como bailaríns, vivir novas experiencias e sobre todo seguir disfrutando e facer que todas as persoas que nos ven e apoian gocen do baile, que é a nosa paixón e co que máis gozamos.

—AÍ. O máis espectacular foi o campionato do mundo: 17 equipos e 9 países. Como foi a cita en Cambrils na que acadaches o récord de puntos?
—NK. Unha competición moi intensa e dura, traballamos durante moito tempo para lograr o noso obxectivo e, unha vez alí, estivemos moi concentradas no noso baile e no que queríamos ensinar. E como sempre, polo que se ve, todo traballo ten a súa recompensa.

—AÍ. Cal foron as rivais máis fortes?
—NK. Sen dúbida foron China e Alemaña. O grupo chinés foi o que nos puxo máis difícil a competición dende as primeiras rondas.

—AÍ. Canto esforzo hai detrás dun título do mundo?
—NK. Para nós gañar este título mundial levou unha cantidade inmensa de traballo e dedicación con moitas horas de adestramento, cunha boa preparación tanto física como mental, buscando constantemente maneiras de mellorar e seguindo adiante a pesar das dificultades.

—AÍ. Cando comezaches en 2015 xa fostes campionas de España júnior. A base destes anos foi manter o mesmo equipo?
—NK. Levamos bailando xuntas dende moi pequenas, ao longo dos anos moitas nenas deixárono, outras incorporáronse e agora formamos o grupo dez rapazas das cales sete levamos dende o principio de todo. Bailar tantos anos xuntas, coñecernos practicamente de toda a vida e compartir momentos inesquecibles son factores fundamentais para conseguir este tipo de logros. Somos máis que un grupo de baile.

—AÍ. Quen formades Naron Kids e de que idades falamos?
—NK. O noso grupo fórmano once rapazas e un rapaz: Noa, Helena, Nerea, Laura, Eva, Claudia, Laura, Emma, Anita, Iria, Josu e Claudia. As idades varían entre os 16 e os 20 anos.

—AÍ. A vosa especialidade é a danza coreográfica, que características ten que ter esta disciplina?
—NK. O máis importante e a clave é unha boa coordinación, que é o que fai que se vexa tan espectacular, e tamén a elección da música e o vestiario que é o reflexo do que se quere representar na actuación.

—AÍ. Que músicas vos motivan en xeral máis para bailar?
—NK. Para atopar a música de cada tempada buscamos cancions acordes coa temática dese ano, que nos estimulen a todas e que nos fagan sentir cómodas á hora de bailar e saír á pista.

—AÍ. Que pasa cos rapaces, non hai máis ou non os queredes?
—NK. Aínda que a danza coreográfica comezara debido a que non había nenos para bailar en parellas, co paso dos anos o baile en grupo converteuse en algo especial pola presenza dun apoio constante, como é no noso caso, un traballo mutuo entre todas as rapazas que conforman o grupo. Algo que moitas veces a parella de baile non podía proporcionar.

—AÍ. Cal son as claves para que agrome o talento e a afección en Narón para esta disciplina?
—NK. Dende hai anos, o Club de Baile Deportivo Narón é líder entre os deportes. Cada vez son máis os nenos e nenas dende pequenos que queren coñecer este mundo na nosa cidade, en parte grazas a que o noso concello e o noso clube levou á nosa casa importantes competicións nacionais como o Campionato de España e concursos internacionais como o Grand Slam. Este tipo de competicións axúdanos a atraer grandes promesas para que vexan o gran nivel que poden acadar.

—AÍ. Como expresar, logo de tantos anos, a sensación que sentides na pista de baile. É a mesma que cando comezastes neste mundo?
—NK. A emoción sigue sendo a mesma despois de tanto tempo, o que realmente nos motiva a seguir bailando son as experiencias que vivimos xuntas e a paixón que sentimos na pista, algo que vai moito mais alá dos títulos que poidamos conseguir.

Salir de la versión móvil