Actor, escritor e director, nada do eido teatral resulta alleo ao ribeirán Quico Cadaval. Unha mostra dos seus talentos como monologuista poderán ser vistos e ouvidos o 5 de marzo no Pazo da Cultura de Narón dentro da VI edición do Festival Internacional do monólogo teatral Singular. Alí volverá unir o rexistro culto e popular nesta oportunidade sobre o mito de Edipo.
AÍ. Actúas no festival Singular de Narón cun monólogo que fala do mito de Edipo. Como naceu?
QC. O espectáculo era unha parte dentro doutros monólogos que eu facía, e no que falaba
da opinión que a miña nai tiña sobre este mito milenario. A partir de aí foi medrando e decidín facer un espectáculo aparte que é este “Complexo de Edipo”, que se foi modificando en actuacións por moitos lugares ata rematar nesta peza onde se xuntan mitos gregos, alta política, revistas do corazón ou receitas de cociña. Ten dúas partes. Nunha delas falo de historias de mariñeiros e de emigrantes e nunha segunda, sobre a traxedia de Sófocles comentada cos ollos da miña nai.
AÍ. Como é o espectáculo?
QC. Moi aberto. Contas a historia pero non hai un texto detrás, co cal a reacción do público sempre colabora a modificar o espectáculo. Hai quen di que é porque son un lacazán para aprenderme o
texto, pero en realidade os actores somos moi soberbios. Dirixímonos a un público ao que non damos a palabra. Sería como un diálogo onde só falo eu.
AÍ. É un elemento do teu estilo esa incontinencia verbal.
QC. Claro, é algo dos monologuistas, o teño falado con Cándido Pazó e Paula Carballeira. Temos uns trastorno que antes te levaban ao psicólogo e agora nós fomos quen de convertelo nun oficio.
AÍ. E como soe ser esa reacción do público a un tema tan complexo?
QC. E nunca mellor dito. O público é moi diferente en cada sitio pero as persoas son moi parecidas. Como dou moita información e nomes, o máis raro é alguén que apunta cousas nun papel para acabar mirando no Google se os datos que dou son bos. En xeral a xente acolle o que lle contas co pracer
infantil de escoitar historias que remiten á imaxinación.
Eu lembro nos anos 90 que aquí se deu un fenómeno moi noso no que a xente que contabamos nos fogueamos en bares pequenos e tabernas, iso que é un desafío dáche unha grande aproximación ao público incluso para falar de temas cun forte contexto cultural.
AÍ. E aí está o teu estilo como creador, sempre entre o culto e o popular.
QC. Iso vén de dúas culturas. Por unha banda a fascinación pola lectura desde cativo e o estudo e
por outra as conversas coa avoa, o mundo da taberna e todo iso que vai conformando o que es ti como ser humano. De todos os xeitos esta combinación xa está presente no teatro de Aristófanes, alternando entre os deuses e os borrachos.
AÍ. Aínda que Ribeira ten a honra de ser o teu berce, o certo é que a túa relación con Ferrol e comarca non é cativa.
QC. Eu aquí xogo na casa. Xa non porque veña moito a Narón, só ou coa compañía Excéntricas, senón porque a miña primeira moza era de Ferrol e a miña primeira compañía teatral tamén: Pequeno Obradoiro de Teatro, no ano 1980, xa choveu! Con ela ademais debutamos nunha xira polo País Vasco e logo actuamos por toda Galicia.
Tamén recordo hai moitos anosactuar no festival Xeración Nós en Neda. En Fene recibín unha Curuxa de Humor e non hai ano que non pase pola Semana de Poesía Salxave de Guillermo, Karloti e toda esa comuna de xente extraordinaria, ese ámbito de liberdade natural entre recitados de poemas e vomitadas pola proa da lancha da ría. Volvendo a Narón, nunca esquecerei estar no Pazo con Produción Excéntricas representando o noso “Shakespeare” o mesmo día da final da Champions. Metimos nada menos que a 210 persoas!
AÍ. En que proxectos a maiores andas agora?
QC. Precisamente o 31 deste mes estreamos en Ourense a versión teatral de “O porco de pé” de Risco. Tocoume dirixir a adaptación de Pepe Sendón protagonizada por Patricia Vázquez, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. É moi espectacular porque a facemos a 30 metros da casa natal do propio autor que fixo unha obra profética, non hai máis que lembrar o comezo: “Don Celidonio ascendeu de porco a marrano e chegou a alcalde”, simbólico, non?
AÍ. Quico Cadaval como escritor, actor e director que faceta é a que che define mellor?
QC. Eu onde máis cómodo me sinto é sobre un escenario, cun público diante e onde me poño máis creativo. Ocórrenseme cousas que nunca imaxinaría, aínda que son consciente das miñas limitacións como actor, non son Evaristo Calvo. Pero si, sobre o escenario vivo unha sorte de felicidade infantil.
Texto: Nicolás Vidal | Foto: Abelardo Soler