Serxio Peck Sequeiro: “Das propostas musicais de Ferror Records valoramos que teñan estilo e alma”

Máis dun cento de referencias creativas ás súas costas, velaí a heroicidade do selo discográfico Ferror Records, o único da nosa cidade que desde 2015 desafía modas e circunstancias para editar cada ano a novos artistas. Sobre o seu traballo falamos con Serxio “Peck” Sequeiro, fundador canda Fernández Rego desta referencia musical de Galicia e fóra dela

Serxio "Peck" Sequeiro

—AÍ. Camiñades cada unha década de historia. Como naceu Ferror Records?
—SS. A nosa idea era e é apoiar a escena local en xeral e, en concreto, editar os traballos da miña banda Carrero Bianco. Así, deses primeiros recompilatorios de grupos de Ferrol e comarca comezamos a publicar os discos en solitario de cada un deles e a cousa foi aumentando con bandas de toda Galicia e incluso algunhas de fóra.

—AÍ. Nestes anos cantas referencias editaches e cantas son de Ferrol?
—SS. Andamos xa preto das 120. Nun principio era todo de aquí, pero cada vez o peso de fóra é maior. De todos os xeitos en breve anunciaremos unha sorpresa local, aínda que polo momento non se pode adiantar nada.

—AÍ. Cal é o traballo nun selo como o voso?
—SS. Depende dos grupos. Hainos que xa nos dan a gravación feita e nos facemos o deseño e cousas así, ata outros aos que xestionamos nós a gravación ou como mínimo a masterización para mellorar o son, sobre todo se o disco é dixital. Tamén cousas como a promoción, etc.

—AÍ. Que criterio tedes á hora de fichar a un artista baixo Ferror Records?
—SS. Que nos guste. Nun principio tirábamos máis para a electrónica ou o synth-pop, pero agora temos referencias de todos os estilos que poden ir desde o rock americano de Los Eternos a apostas máis variadas como a de Carlos Risco. Hoxe valoramos que as propostas teñan estilo e alma.

—AÍ. Tedes que dicirlle que non a moitos grupos?
—SS. Si, a moitos, pero xa non porque nos gusten máis ou menos, senón porque podemos editar 12 ou 15 referencias ao ano e o plan de traballo xa está rematado, non caben máis cousas. De feito xa temos pechado o que vai saír para 2025. Agora preferimos centrarnos máis na calidade do que editamos que en facer un catálogo máis extenso.

—AÍ. Logo dun tempo en que os formatos físicos dos discos parecía que desaparecían, veu o boom do vinilo. Que está a pasar?
—SS. Na pandemia medrou moito o físico e si, o vinilo tivo un bo momento pero xa da signos de esgotamento. As tiradas de 300 exemplares xa baixaron os prezos de fábrica, ao mellor de 2.200 euros a 1.900, e incluso as datas de entrega de tres a dous meses. Hai estilos underground que aínda prefiren ese formato pero o consumo maioritario da xente non pasa tanto por prender o equipo, poñer o disco no plato, etc., fronte a conectar o móbil e darlle ao bluetooth.

—AÍ. E as vendas online como van?
—SS. Pouca cousa, a verdade. Si e certo que vendes en países de todo o mundo, de Xapón a Estados Unidos, e volvendo ao dos formatos, non faltan casetes, un rollo moi postpunk e que xoga coa nostalxia. Aí tes a grupos como Voces de Ultratumba, de Vigo, a banda feminina dos 80 que regresou hai pouco.

—AÍ. Hai dez anos vos imaxinabades aquí, con 120 discos editados e bandas de fóra de Galicia?
—SS. Pois non, pero non hai quen edite, hai poucos selos e un traballo que hai que facer. Hai cousas que como músico a un lle resultan tediosas: deseño de cubertas, promoción nos medios, etc. E a estas alturas xa temos un nome e unha etiqueta que se valora. Estamos moi satisfeitos.

—AÍ. E un fai cartos cun selo de discos?
—SS.
Con non perder e seguir editando xa estás contento.

—AÍ. Fálame dos traballos que vos funcionaran mellor do que esperabades?
—SS. Houbo sorpresas moi agradables, como os casos de Zavala, cun vinilo que vendeu moi ben, de Carlos Risco ou Garza. Logo hai outros que xa o notas como Chicharrón, Copa Turbo, etc.

—AÍ. Que novidades inminentes tedes para publicar?
—SS. Están a piques de saír os traballos para outono de Auto Sacramental e Nüca.

—AÍ. Como canteira de bandas, a administración local vos consulta algo?
—SS. Temos boa relación independentemente da cor das corporacións. Algo preguntan, de vez en cando. Onde máis se notou a colaboración foi nos concertos dos xoves na capela do Torrente.

—AÍ. Para rematar, poderías explicar que son os “Solpores” e que tedes previsto para o mes de agosto?
—SS. Outra forma de promocionar aos nosos grupos. Comezamos hai catro anos e os meses de verán temos concertos no Centro Cívico de Canido. O próximo será o sábado dezasete de agosto, data na que contaremos desde as 20:00 horas con La Toñi, Bratzantifa e Swic.

Salir de la versión móvil