A Mariña poderá contar cun centro BTT e unha rede de rutas de sendeirismo

A Mancomunidade de Concellos da Mariña traballa nos pregos de licitación de varios proxectos vinculados ao turismo deportivo e de natureza

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense avanza na execución do Plan de Sostibilidade Turística 2022–2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade – co apoio da Deputación de Lugo -, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. Os técnicos traballan nos pregos de licitación para, nun curto prazo, comezar a contratar os proxectos vinculados ao turismo deportivo e de natureza.

Desde a Mancomunidade explican que “dende fai xa uns meses o ente xestor do turismo na comarca ocúpase, xunto a Concellos e axentes relacionados, na definición de actuacións prioritarias e de maior envergadura que teñen que ver, por exemplo, co reforzo de infraestruturas, produtos e experiencias turísticas sostibles en torno ao deporte e a natureza coa concreción dun plan operacional”.

Os técnicos da Mancomunidade traballan nos pregos de licitación para, nun curto prazo, comezar a contratar a redacción do proxecto técnico dun Centro BTT, que implicará a definición dunha gran ruta BTT circular e de rutas satélite por concello, tres puntos de acollida repartidos no territorio con servizos de recepción e información, parking, baños e duchas ou a ubicación e características de 13 puntos de reparación de bicicletas que deben facilitar de xeito gratuíto nos concellos onde non haxa punto de acollida a posta a punto e a realización de reparacións básicas que a persoa usuaria poda necesitar.

Tamén se está traballando nos pregos para o proxecto técnico dunha rede de rutas de sendeirismo, os servizos para a elaboración de estudos de capacidade de carga de 11 recursos con especial fraxilidade do territorio, ou o deseño, organización e execución dun programa de xeorutas e do Xeolodía en 2024. Outras accións a acometer serán o subministro de bicicletas eléctricas ou organización e xestión de cursos TD1 de surf, do que pronto se anunciará a primeira edición.

Tania Hermida, xerente do Plan de Sostibilidade, relatou que “a medio prazo abordaranse cuestións transversais coma a creación de contido de turismo deportivo e de natureza destinado á web e outras ferramentas de promoción do destino, ou o deseño e a execución dun programa de apoio á involucración do sector turístico privado, ademais dun circuíto ou liga de surf, a organización dun encontro de turismo ornitolóxico, a formación nesa mesma materia e en xeoloxía ou no uso da tecnoloxía para rutas sendeiristas e de BTT mais a activación dun perfil ORG oficial da Mariña Lucense na plataforma Wikiloc”.

Salir de la versión móvil