Burela reúne a preto de 50 surfistas nunha fin de semana de deporte feminino, competición e sustentabilidade

A praia da Marosa acollerá os días 12 e 13 de setembro o Iberdrola Surfing Day, que chega por primeira vez á provincia de Lugo con clases, bautizos de surf, actividades ambientais e probas oficiais
A praia da Marosa acollerá os días 12 e 13 de setembro un amplo programa de actividades arredor do surf, con especial protagonismo das mulleres, dos referentes deportivos, da participación cidadá e da relación co territorio | Deputación de Lugo
A praia da Marosa acollerá os días 12 e 13 de setembro un amplo programa de actividades arredor do surf, con especial protagonismo das mulleres, dos referentes deportivos, da participación cidadá e da relación co territorio | Deputación de Lugo

Burela converterase esta fin de semana nun punto de encontro para os amantes do surf coa celebración do Iberdrola Surfing Day Burela 2026. A praia da Marosa acollerá os días 12 e 13 de setembro un programa que combinará competición deportiva, formación, participación cidadá e actividades vinculadas á protección do medio ambiente.

A cita chega por primeira vez á provincia de Lugo e reunirá preto de 50 deportistas procedentes de diferentes puntos de España, xunto con afeccionados e público interesado en achegarse ao surf. O evento terá ademais un marcado protagonismo feminino, con referentes como Melania Suárez, campioa da Liga Pro 2025, e María Martín-Granizo, campioa do mundo de parasurfing.

Surf feminino e competición na Marosa

O programa contará con actividades destinadas tanto a deportistas experimentados como a persoas que queiran iniciarse neste deporte. Entre elas haberá unha master class de surf con Melania Suárez e María Martín-Granizo, bautizos de surf a cargo do Burela Surf Club e encontros sobre deporte feminino e liderado.

A competición tamén terá un peso importante durante a fin de semana. O Iberdrola Surfing Day coincidirá co Longboard Concello de Burela, terceira proba da Liga FESurfing de Longboard 2026, e co Campionato Galego de Longboard.

A cita contará tamén coa participación de deportistas como Nicolás García Andrade, campión de Europa en 2025, e o seu irmán Martín García Andrade, campión do circuíto europeo ese mesmo ano.

Dúas xornadas con actividades para todos os públicos

Máis alá da competición, a organización deseñou un programa que pretende achegar o surf e os deportes vinculados ao mar a públicos diversos. Haberá obradoiros de longskate, bautizos de surf, charlas sobre deporte feminino e turismo activo e actividades relacionadas coa biodiversidade da Mariña.

A programación ambiental incluirá un obradoiro sobre a fauna e flora da contorna e unha charla sobre a conservación da Mariña, ademais da proxección do documental Baixo as augas da Mariña-Ortegal.

A oferta completarase con gastronomía, zona comercial e música, cunha sesión do DJ Grande Osso prevista para a tarde-noite do sábado.

Unha aposta polo deporte e o territorio

A Deputación de Lugo achega máis de 31.000 euros para apoiar a chegada deste evento de ámbito nacional á Mariña e contribuír á difusión do traballo que desenvolven os clubs e colectivos vinculados ao surf na comarca.

Durante a presentación, a presidenta da Deputación e alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou o papel do evento para dar visibilidade ao deporte feminino e reforzar a relación entre deporte, turismo e territorio.

As persoas que queiran participar nos bautizos de surf poderán inscribirse directamente no recinto durante os días do evento, ata completar o aforo establecido para cada grupo.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.