Burela cortará o tráfico polo XXV Maratón Autonómico Urbano Special Olympics Galicia

Será o próximo 6 de maio e afectará ás rúas Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Lamestra e Eijo Garay
Imaxe de arquivo do maratón urbano en Culleredo de 2019 | Special Olympics
Imaxe de arquivo do maratón urbano en Culleredo de 2019 | Special Olympics

O XXV Maratón Autonómico Urbano Special Olympics Galicia, que se celebrará o 6 de maio en Burela, obrigará a cortar o tráfico en varias rúas. De 8 a 15 horas non se poderá circular por Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Lamestra e Eijo Garay e tamén haberá cortes puntuais noutras rúas polas que discorran as probas de 1.500 e 3.000 metros.

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, dixo: “queremos reforzar, se cabe aínda máis, a seguridade con motivo da celebración deste maratón, que nos obrigará a facer unha serie de cortes de tráfico. Haberá 4 probas: de 300 metros, de 800, de 1.500 e de 3.000 metros. Nas que máis afectado se vai ver o tráfico será nas probas de 300 e 800 metros. Faremos cortes de tráfico nas rúas Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Lamestra e Eijo Garay, viarios onde non se permitirá o estacionamento de vehículos desde as oito da mañá ata as tres da tarde do sábado. O venres xa empezaremos a intentar liberar os coches que estean aparcados nesas catro rúas. Na Eijo Garay será no tramo afectado pola carreira, o que está diante da Casa do Concello, que é desde onde van saír todas as probas. Mentres se estean desenvolvendo as carreiras, que será entre as once da mañá e as tres da tarde do sábado día 6 tampouco se poderá circular por esas rúas”.

Para as dúas probas máis longas, que son as de 1.500 e 3.000 metros, non se farán cortes de tráfico máis aló destas catro rúas mencionadas anteriormente porque os corredores irán escoltados por Protección Civil e pola Policía Local e faranse cortes a medida que vaian pasando os participantes, breves, simplemente para garantir a seguridade deses corredores.

Fernández Rey subliñou que “para nós é un tremendo orgullo que Special Olympics Galicia escollera Burela para organizar esta proba. Xa hai tempo que tiñan ganas de facela aquí e desde o Concello, coma sempre, brindámonos a colaborar en todas estas iniciativas, que ademais de carácter deportivo tamén o teñen social e de integración. Co cal son probas que tanto a min, como concelleiro de Deportes, como a Carmela López, como edil de Servizos Sociais, e ao alcalde, Alfredo Llano, nos gustan moitísimo porque apostamos pola integración desta xente, que tamén ten dereito a practicar estes deportes”.

 

O concelleiro de Deportes engadiu: “seguimos traballando para que Burela sexa un referente de carácter deportivo: hai pouco tivemos unha competición de enduro, agora temos esta proba de maratón para xente con discapacidade e supoño que en breve vamos ter máis carreiras. Estas probas implican unha mínima molestia para a xente porque hai que facer cortes de tráfico para garantir a seguridade dos corredores”.

Publicidad
Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.