Carmela López: “Quero que a nosa xente se sinta orgullosa de Burela”

A primeira alcaldesa da localidade fala das súas propostas para Burela, dos retos da lexislatura e de como viviu a intensa noite electoral

Carmela López convertiuse en xuño na primeira alcaldesa de Burela. A política socialista de formación inxeñeira técnica en informática de xestión formou parte dende 2019 do equipo de goberno de Burela dirixido polo ex-rexidor Alfredo Llano. Foi concelleira delegada de Servizos Sociais e de Mar, así como segunda tenente de alcalde.

Tras obter cinco escaños nas eleccións municipais, o acordo alcanzado co BNG permitiu que o proxecto socialista prevalezca no municipio e que Carmela López tomase o bastón de mando este pasado xuño.

—A diferencia coa oposición foi de sete votos. Como levou o reconto electoral?

—En realidade foi de catro votos despois da ratificación. O reconto foi un momento moi intenso! Cos compañeiros e compañeiras, desde a sede e cun excel preparado, metendo os resultados que nos ían chegando de cada mesa, sendo conscientes da importancia que tiña ser a forza máis votada, ainda que fóra por un so voto. Adrenalina pura.

—Unha das súas propostas electorais era modernizar Burela. Como quere facelo?

—Apostamos por un plan de mobilidade e reordeación do tráfico, queremos darlle un xiro á nosa vila, facela máis accesible poñendo no centro do noso planeamento ás persoas. Queremos reordear espazos e invertir en crear algúns novos. A vida na rúa é importante para nós.

—Como pensa que o seu anterior cargo de concelleira pode afectar á súa maneira de facer goberno?

—Afecta positivamente porque me serviu para aprender moito sobre administración pública, sobre os procedementos a seguir para conseguir obxectivos. Eu no Concello síntome como na casa.

—Vese con máis responsabilidade por ser a primeira alcaldesa de Burela? Cales serán algunhas das diferencias con respecto aos anteriores catro anos?

—A responsabilidade é a mesma e así o sinto, pero sí que é certo que o nivel de esixencia vai a ser moi alto. A xente espera moito de min e así mo fan saber. Diferencias? Cada alcaldesa ou alcalde teñen a súa sinal de identidade, a miña ainda está por marcar xa que levo pouco máis dun mes no cargo, pero si poido dicir que o traballo en equipo é algo vital para min e a planificación de todos os procesos para poder estar cómoda no traballo do día a día. Gústame innovar e arriscar cando o valoro e o vexo preciso.

—A falta de socorristas afecta a todas as zonas da Mariña. Este ano decidiron contratar técnicos sanitarios, como plantexan cambiar a estratexia o próximo ano?

—Hai dúas liñas na estratexia a seguir. A primeira, tal e como dis, é un problema que afecta non soamente á Mariña senón a toda Galicia, polo que a lectura é que o sistema actual no está funcionando. Debemos unirnos -os concellos- e solicitar que a Xunta de Galicia estude a situación actual e tome medidas para que a problemática se minimice, xa que a segunda liña, mentres esto non ocurra, tradúcese na obriga por parte dos concellos de contratar con fondos propios e anticipándose á tempada do verán, competindo entre eles e favorecendo as empresas privadas, que son as que ven un forte nicho agora mesmo ante esta problemática.

—A pesca é moi importante nunha localidade como Burela. Como viviu o accidente do Novo San Juan nas primeiras semanas do seu mandato?

—Con moita preocupación como cada vez que ocorre unha catástrofe na nosa frota e con tranquilidade ao coñecer que todos estaban a salvo. Este tipo de noticias tócanos sempre moi dentro ás vilas mariñeiras, e a pesar de que o dano foi soamente material afortunadamente, un barco é un ben moi especial… todos somos coñecedores de que cada vez son menos os barcos que temos no noso porto.

—Cal é a pegada que espera deixar na localidade nestos catro anos?

—Quero que a nosa xente se sinta orgullosa de Burela, que vaian pola rúa e crean no slogan “Burela Bonita” creo que entre todas e todos podemos manter a vila coidada e facer pobo. É algo que desde a política debemos “capitanear” e que agardo secunden os veciños e veciñas, porque estou convencida de que todos a unha o imos a lograr.

—Como pensa que inflúe en Burela o resultado das últimas eleccións xerais?

—Aos veciños e veciñas de Burela o que lles importa é que nós, os que estamos ao fronte do Concello a nivel local, petemos a todas as portas tanto en Lugo, Santiago como Madrid, goberne quen goberne, para conseguir melloras para a nosa vila.

Salir de la versión móvil