Unha empresa norueguesa de produción de salmón pretende instalarse en Burela

O alcalde tivo hoxe unha reunión cunha delegación da empresa, cuxa instalación suporía un investimento duns 40 millóns de euros

O alcalde, Alfredo Llano, mantivo un encontro cunha delegación da empresa norueguesa de produción de salmón que pretende instalarse en Burela. O rexedor subliñou a importancia da súa posta en marcha, xa que ocupará unha superficie de case 25.000 metros cadrados e suporá un investimento duns 40 millóns de euros. O rexedor aludiu ás facilidades administrativas que lles ofrecerán desde o Concello de Burela.

Llano relatou que “foi unha reunión agradable e eles están dando os pasos necesarios para poder situar a empresa aquí. Estiveron comentando as trabas que tiveron que superar, como foron facendo as cousas e o que hai agora pensado para o futuro. Vannos presentar o proxecto actualizado en pouco tempo e farán os actos administrativos pertinentes para darlle para diante”.

Acudiron varios socios capitalistas desta empresa, que teñen previsto tratar de consumar a súa pretensión de montar esa instalación que ocupa 25.000 metros cadrados e ten un orzamento de aproximadamente duns 40 ou 50 millóns de euros.

Alfredo Llano fixo un balance positivo da xuntanza: “foi un encontro agradable en todos os aspectos, é xente que ten moito interese en implantarse en Burela e desde logo está buscando a forma para que sexa unha instalación da mellor maneira posible. En principio queren producir 3 millóns de quilos de salmón ao ano, aínda que as posibilidades futuras están analizándoas. Desde o Concello o único que faremos é tramitar o que nos corresponde, facer as cousas o mellor posible e facilitarlles o traballo administrativo necesario”.

Salir de la versión móvil