Cantacontos, monicreques e o Café dos Idiomas para celebrar o Día das Bibliotecas en Foz

Ás actividades, que se desenvolverán durante toda a semana, tamén se engade a volta do concurso de postais de Nadal
221022 INÉS LÓPEZ COUTO (CONCELLEIRA DE CULTURA EN FOZ)

A Biblioteca Pública Municipal Salgado Toimil, de Foz, organiza actividades desde o luns da vindeira semana para conmemorar o Día Internacional das Bibliotecas.

O luns 24 o grupo teatral Migallas fará as delicias dos máis pequenos con Cantacontos. A función será no salón de actos da casa da cultura ás 19:00 horas e a entrada será gratuíta.

O martes 25 comeza unha nova actividade para a difusión e mellora das habilidades con idiomas: o Café de Idiomas, que é para parolar nun ambiente distendido, no que estarán a disposición libros do idioma practicado, os espazos para facelo e as gañas de todos aqueles que queiran acudir. Está aberto a todos os niveis, sendo unha actividade colaborativa para practicar a fala. Os martes de 19:00 a 20:00 horas falarase en portugués e os mércores no mesmo horario falarase en inglés. Será no primeiro andar da Casa da Cultura. «Parécenos moi interesante poder compartir coñecementos entre veciñ@s de forma sinxela; a biblioteca ten que ser un lugar que abra as súas portas a todos e no que todos nos sintamos a gusto”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.

O mércores 26 continúan as actividades para nenas e nenos. Neste caso o grupo Mircromina trae Lendas do Camiño Norte, en Foz centrado na Lenda do Bispo Santo. A partir das 17:00 horas realizarase un obradoiro de monicreques e ás 19:00 horas será a representación da función teatral con monicreques A rosa dos ventos. É unha actividade gratuíta e non require inscrición.

Entre as novas actividades volve tamén a convocatoria do concurso de postais de Nadal, que este ano cumpre a súa XVIII edición. Coas categorías de infantil A -ata 6 anos-, infantil B -de 7 a 10 anos- e xuvenil -de 11 a 16 anos-, contará cun prazo de presentación ata o 30 de novembro. As obras entregaranse na propia biblioteca e haberá premios para as mellores postais de cada categoría, sendo a gañadora a postal oficial do Concello de Foz neste 2022.

A edil de Cultura indica que se retomarán servizos coma o da Maleta Viaxeira, «que permitirá a colectivos de Foz -centros escolares, residencia, asociacións…- solicitar un préstamo de ata 30 libros para difundir a lectura entre os seus membros.» Outros servizos que ofrece a biblioteca son o préstamo intrabibliotecario, visitas escolares e actividades de dinamización da lectura. «En vindeiras datas anunciaranse novas actividades que se están a preparar e que queren dar a coñecer a Biblioteca Pública Municipal Salgado Toimil coma un centro social e de uso para todos os focegos e focegas e visitantes. Anímamos a todos aqueles que non probaran que entren xa, que a lectura engancha, e a todos aqueles que xa son asiduos que sigan acudindo. Seguiremos traballando para mellorar este servizo e seguir difundindo as nosas letras”, finaliza Couto.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.