Cantacontos, monicreques e o Café dos Idiomas para celebrar o Día das Bibliotecas en Foz

Ás actividades, que se desenvolverán durante toda a semana, tamén se engade a volta do concurso de postais de Nadal

A Biblioteca Pública Municipal Salgado Toimil, de Foz, organiza actividades desde o luns da vindeira semana para conmemorar o Día Internacional das Bibliotecas.

O luns 24 o grupo teatral Migallas fará as delicias dos máis pequenos con Cantacontos. A función será no salón de actos da casa da cultura ás 19:00 horas e a entrada será gratuíta.

O martes 25 comeza unha nova actividade para a difusión e mellora das habilidades con idiomas: o Café de Idiomas, que é para parolar nun ambiente distendido, no que estarán a disposición libros do idioma practicado, os espazos para facelo e as gañas de todos aqueles que queiran acudir. Está aberto a todos os niveis, sendo unha actividade colaborativa para practicar a fala. Os martes de 19:00 a 20:00 horas falarase en portugués e os mércores no mesmo horario falarase en inglés. Será no primeiro andar da Casa da Cultura. “Parécenos moi interesante poder compartir coñecementos entre veciñ@s de forma sinxela; a biblioteca ten que ser un lugar que abra as súas portas a todos e no que todos nos sintamos a gusto”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.

O mércores 26 continúan as actividades para nenas e nenos. Neste caso o grupo Mircromina trae Lendas do Camiño Norte, en Foz centrado na Lenda do Bispo Santo. A partir das 17:00 horas realizarase un obradoiro de monicreques e ás 19:00 horas será a representación da función teatral con monicreques A rosa dos ventos. É unha actividade gratuíta e non require inscrición.

Entre as novas actividades volve tamén a convocatoria do concurso de postais de Nadal, que este ano cumpre a súa XVIII edición. Coas categorías de infantil A -ata 6 anos-, infantil B -de 7 a 10 anos- e xuvenil -de 11 a 16 anos-, contará cun prazo de presentación ata o 30 de novembro. As obras entregaranse na propia biblioteca e haberá premios para as mellores postais de cada categoría, sendo a gañadora a postal oficial do Concello de Foz neste 2022.

A edil de Cultura indica que se retomarán servizos coma o da Maleta Viaxeira, “que permitirá a colectivos de Foz -centros escolares, residencia, asociacións…- solicitar un préstamo de ata 30 libros para difundir a lectura entre os seus membros.” Outros servizos que ofrece a biblioteca son o préstamo intrabibliotecario, visitas escolares e actividades de dinamización da lectura. “En vindeiras datas anunciaranse novas actividades que se están a preparar e que queren dar a coñecer a Biblioteca Pública Municipal Salgado Toimil coma un centro social e de uso para todos os focegos e focegas e visitantes. Anímamos a todos aqueles que non probaran que entren xa, que a lectura engancha, e a todos aqueles que xa son asiduos que sigan acudindo. Seguiremos traballando para mellorar este servizo e seguir difundindo as nosas letras”, finaliza Couto.

Salir de la versión móvil