Este sábado elixirase a Raíña do Entroido de Foz

Será no Campo da Cabana, e anunciarase a próxima Raíña a medianoite, entre tres candidatas
Concello de Foz
Concello de Foz

A asociación O Noso Foz e o Concello preparan a celebración do próximo sábado no Campo da Cabana na que se elixirá democraticamente a próxima Raíña do Entroido de Foz entre tres candidatas.

A concelleira de Cultura, Ines López Couto, explica que “será raíña porque no período de presentación de solicitudes todas as recibidas foron femininas, polo que o actual Rei, Roberto Gómez, cederá a súa coroa no mes de febreiro, con total seguridade a unha muller. Inicialmente foron seis as solicitudes recibidas, mais finalmente, por motivos persoais, tres decidiron non optar á elección e serán tres as candidatas á prezada coroa. Son nomes moi coñecidos en Foz e no seu Entroido, que xa defenden a súa candidatura: Uxía Valmayor Forés, da comparsa Sin Xeito; Icía Fernández Gómez, da comparsa As Farangullas; e Lucía López Lombardero, da comparsa Maloserá. Todas teñen unha enorme ilusión de encabezar o desfile focense”.

Dende a Concellería de Cultura móstranse moi optimistas para esta celebración, aperitivo do próximo febreiro, ·no que esperamos seguir mellorando o Carnaval focense. Man a man coa asociación O Noso Foz prepárase a carpa que se situará no emblemático Campo da Cabana e que contará con servizo de bar e pulpería”.

O evento contará con xurado -cunha valoración cun peso do 40 por cento- e con votación popular -do 60 por cento-. Para votar e acudir ao evento será necesario mercar as entradas, que se venderán o mesmo sábado no acceso á carpa a partir das 18:00 horas a un prezo de 2 euros, e nas que figurarán os nomes das aspirantes para poder exercer o dereito a voto. Comezará ás 20:00 horas cunhas pequenas probas coas que o público poderá valorar a vea carnavaleira das candidatas. Durante toda celebración unha vez finalizadas as probas Eventec poñerá a música. Despois da deliberación do xurado e do reconto dos votos, ás 12 da noite será anunciada a gañadora, que comezará a traballar para reinar no próximo Entroido focego.

Dende a comisión organizadora e o Concello recomendan “engalanarse co disfrace que todo o mundo prefira para dar cor e ánimo ás candidatas e ao outono focego”.

A comisión de festas ten outra novidade para este evento: saen á venda unhas camisetas conmemorativas dun dos días máis especiais do Carnaval de Foz, como é o Baile do Farolillo. O artista mariñán Davixino fixo un deseño que se estampa nunhas camisetas en tonos beis e gris e que se poderán mercar ou reservar na mesma caseta de venda de entradas ao prezo de 15 euros. O evento contará con máis sorpresas, “pero para descubrilas terás que acudir e formar parte da emoción do Entroido de Foz”, finaliza Inés López Couto.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.