Foz demanda a entrega da residencia de maiores ao Concello ante «o abandono de responsabilidades da Xunta’

O alcalde solicita unha reunión urxente á conselleira de Política Social e denuncia que a Xunta "se desentenda descaradamente dunha residencia da que é propietaria"
El alcalde de Foz delante de la residencia de mayores | Concello de Foz
El alcalde de Foz delante de la residencia de mayores | Concello de Foz

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, solicita unha reunión urxente á conselleira de Política Social e presidenta do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Fabiola Martínez, para demandar a entrega da propiedade da residencia de maiores focega ao Concello ante “o abandono de responsabilidades por parte da Xunta de Galicia”.

O rexedor municipal de Foz explica que “a Xunta desenténdese descaradamente dunha residencia da que é propietaria. A conselleira leva a Foz a un calexón sen saída: o convenio asinado finaliza en xaneiro e a Xunta non quere xestionar o seu propio edificio pero tampouco dá solucións. Voulle demandar de forma clara e rotunda á conselleira que nos entregue a propiedade do edificio: se a Xunta non asume as súas propias competencias que nos deixe a nós facelo, pero con todas as da lei”.

O alcalde de Foz admite sentirse “frustrado e indignado” coa Xunta de Galicia e cun Consorcio Galego de Igualdade e Benestar que “a pesar de estar integrado tamén polos concellos ningunea aos municipios e segue unicamente as directrices de Santiago. Abrímoslle as portas á conselleira. Visitou a residencia, xestionada polo Concello, en dúas ocasións. Demandeille reiteradamente unha ampliación das prazas da residencia, un novo edificio porque só dispoñemos de 40 camas e hai 130 maiores en lista de agarda. Non resolveu nada e agora tampouco quere xestionala finalizado o convenio cando é a súa obriga, a súa responsabilidade”.

Fran Cajoto engade que “o 1 de decembro do 2020, ás 7.57 horas e con número de rexistro en destino 2020/2339, o Consorcio recibiu a notificación do acordo plenario do 26 de novembro dese ano. Un acordo plenario aprobado por unanimidade, cos votos favorables do Partido Popular, no que se lle recordaba ao Consorcio que a partir do ano 2023 debían xestionar a residencia de Foz, xa que vencía o convenio asinado no 2018. Non fixeron absolutamente nada e seguen sen facelo. Isto quedará na conciencia de cadaquén. Espero que non poñan máis escusas. Se non van colaborar coas veciñas e veciños de Foz, se non interesamos, se non queren xestionar, que se aparten e nos entreguen a propiedade do edificio, o que se coñece como mutación demanial subxectiva. Farémolo nós, con menos recursos e máis esforzo, pero cun compromiso claro e evidente de servizo público”.

O alcalde recoñece que “a primeira opción foi sempre que a residencia volvese ao seu lexítimo propietario, o Consorcio, o que suporía unha residencia verdadeiramente social, cun custe menor para os usuarios residentes, de só unicamente o 80 por cento da súa pensión. Pero, ante a absoluta falta de responsabilidade da Xunta de Galicia, o Concello demanda a titularidade do edificio, para poder facer a mellor xestión posible: ademais da reunión solicitada imos levar a pleno a demanda ao Consorcio Galego da transmisión da titularidade do edificio da residencia. Esperemos que a actitude do Partido Popular de Foz cambie e apoie a proposta da Alcaldía, que axude en algo a este concello, precisamente coa administración na que deberían ter capacidade de influencia”.

O rexedor municipal de Foz quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade aos usuarios e traballadores da residencia: “os traballadores teñen e terán sempre dereito de subrogación. Os usuarios van a continuar na residencia, que é o seu fogar. Esperemos que a Xunta resolva rápido e non xere máis incerteza nunha concesionaria que vai a continuar a prestar o servizo cun contrato xa esgotado. Traballadores e residentes non merecen isto.”

O alcalde de Foz conclúe: “somos e seremos responsables, agardamos que a reunión solicitada se celebre de forma urxente e que se desbloquee unha situación inverosímil: o abandono da Xunta dun servizo propio nun edificio que ademais é da súa propiedade”

PUBLICIDAD
PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.