Foz entrega unhas novas instalacións á asociación para persoas con minusvalía Virxe do Carme

O novo edificio está situado no peirao de Foz e conta cun espazo de 87 metros cadrados e un patio exterior de 300 metros cadrados

O Concello de Foz entregou hoxe, venres, as novas instalacións da a asociación para persoas con minusvalía Virxe do Carme. O novo edificio, anexo á Aula de Educación Vial, está situado no peirao de Foz e conta cun gran espazo de 87 metros cadrados e un patio exterior de 300 metros cadrados para todo tipo de actividades.

O alcalde, Fran Cajoto, explicou que “hoxe saldamos unha débeda de máis de 15 anos cunha asociación que desde o 2007 está a realizar unha enorme labor de integración con persoas con algún tipo de minusvalía psíquica. Merecen o noso máis fondo recoñecemento, pero tamén unhas instalacións axeitadas para poder realizar todas as actividades que programan. Forman unha gran familia e teño que recoñecer que a entrega de chaves ao seu presidente, Feliciano Gómez, foi realmente emocionante”.

O Concello de Foz investiu máis de 52.000 euros de fondos propios na construción do edificio e no peche do patio exterior, creando un espazo con moita luz natural, climatizado con estufa de pellets e que se encontra adaptado para persoas con mobilidade reducida, en primeira liña da Ría de Foz. Esas instalacións veñen a resolver unha débeda cunha asociación que tivo que realizar a súa actividade en situacións provisionais como a Casa do Mar ou o Bar dos Xubilados, que está próximo a reabrir despois da profunda reforma executada.

O Concello dispuxo ademais de máis de 9.200 euros con cargo ao orzamento municipal para a compra de mobiliario e equipamentos, como unha canastra para a práctica de deporte no patio exterior, xogos, mobles con caixóns, cadeiras, unha mesa adaptada a persoas con minusvalía física e material audiovisual e informático como unha pantalla plana e unha impresora multifunción.

A concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo, destacou: “é un día especial para os rapaces e as súas familias. Hoxe inauguramos as instalacións onde a asociación Virxe do Carme terá un espazo exclusivo para os rapaces onde poder impartir clases de reforzo e metodoloxía tradicional, comprensión lectora, sociais, naturais, escritura ou razoamento lóxico das matemáticas, entre outras. Fan traballo con terapias de desenvolvemento cognitivo e psicomotricidade a través do xogo, manualidades en datas especiais, colaborando sempre co Concello en eventos tan importantes como o Carnaval. Dende o Concello facilitóuselles equipos informáticos con soporte de impresión para poder impartirlles novas tecnoloxías. Dispoñen para o seu desfrute dun espazo exterior diferenciado onde poderán practicar deporte e outras actividades, nun emprazamento único cunhas vistas privilexiadas á Ría de Foz”.

Salir de la versión móvil