O 8 de agosto darán comezo as festas de San Lourenzo en Foz

Entre a programación destacan as verbenas, os tradicionais fogos artificais, unha festa acuática ou o Festival Vrao

Concello de Foz

A asociación O Noso Foz, que é a organizadora dos festexos da localidade, e o Concello de Foz presentan o cartel das festas do San Lourenzo. Este ano unha fotografía nocturna do porto da localidade, sacada por Pablo Cid, da forma ao cartel dunhas festas que encherán de actividade a vila focega os días 8, 9, 10 e 11 de agosto.

As actividades culturais prolongaranse durante todo o mes de agosto, mais os días fortes comezarán o día 8 co pregón de José María Alonso Fraga, coñecido como Piti, ás 21:00 horas no Parque Rosalía de Castro -Campo da Cabana-, que terá continuidade ás 22.30 horas co concerto de Owl Light Trio e Xógara, dous grupos de música tradicional, no mesmo emprazamento.

O día 9 comezarán as verbenas, que nesa xornada será amenizada por Los Satélites e Grupo Beatriz. O día grande será o 10, día de San Lourenzo e festivo na localidade, no que haberá misa ás 12 na igrexa parroquial e procesión acompañada do grupo O Feitizo; a sesión vermú estará amenizada por Fénix e pola noite serán Nostalgia, Fénix e Claxxon os que poñerán música á festa. Ás 24.00 horas recupéranse os fogos artificiais, que encherán de cor o ceo de Foz. O día 11 a sesión vermú será a cargo de Platinum e pola noite estará acompañada de La Misión.

Ademais o día 11 a partir das 16:00 horas haberá festa acuática en Tupide. Tamén están programadas moitas outras actividades complementarias ou o Festival Vrao, que será os días 13 e 14. A concelleira de Cultura, Inés López, anuncia que “en breve publicarase o cartel coas actividades de todo o mes de agosto, que ten o peche coa Festa Normanda.”

O mercado comezará o día 5 ata o 11. O día 6 ás 12:00 horas haberá inchables gratuítos para os pequenos na avenida Álvaro Cunqueiro, acompañados de música de Mia Disko. E o día 7 o tradicional concerto da Banda de Música de Foz será un encontro de bandas no que estarán acompañados da Banda de Torrox e da Banda de Laviana, ás 19.30 horas no Campo da Cabana.

Dende a comisión de festas, Ángel Fernández desexa que “guste esta programación que preparamos para que todo o mundo disfrute”. O alcalde, Fran Cajoto, quere “felicitar as Festas do San Lourenzo e desexarlles a veciños e visitantes que as desfruten moito”.

Salir de la versión móvil