Radio Foz participará este xoves en Onda ODS cun programa sobre o cambio climático

Trátase dunha iniciativa na que colaboran máis de 300 radios municipais e comunitarias españolas e que comezará cun espazo en directo desde o castelo de Santa Cruz
Concello de Foz
Concello de Foz

A emisora municipal Radio Foz emitirá un programa de reflexión sobre o cambio climático desde unha perspectiva local. Trátase dunha iniciativa na que participan máis de 300 radios municipais e comunitarias de todo o estado. Chámase Onda ODS e comezará cun espazo en directo desde o castelo de Santa Cruz, en Oleiros, este xoves 15 de 9 a 11 da mañá. Un dos participantes será o concelleiro de Relacións Institucionais, Comunicación e Axenda 2030 de Foz, Carlos García.

Os promotores desta iniciativa explican que “este tempo de radio, conducido por Susana Falcón, de Radiofusión, e Pablo García, de Radio A Estrada, abordará diversos aspectos vinculados aos obxectivos recollidos pola ONU na súa Axenda 2030. Realizarase desde o castelo de Santa Cruz, que alberga o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia -CEIDA- , aínda que logo terá continuidade diaria desde o luns 19 todos os días laborables ás 9 da mañá e ás 9 da noite. Varios centros educativos galegos seguirán o espazo desde o propio auditorio de Oleiros».

Impulsan a iniciativa Radiofusión, en colaboración con Emisoras Municipales de Andalucía, RTV Cardedeu La Xarxa e a Rede Estatal dos Medios Comunitarios. Onda ODS conta coa axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Desde Radiofusión engaden que “os medios locais queren contribuír na liña marcada polos ODS: incidir para facer fronte á emerxencia climática e ambiental, pechar a brecha de xénero e poñer fin á discriminación, superar as ineficiencias dun sistema económico excesivamente concentrado, erradicar a precariedade laboral, acabar coa pobreza, reverter a crise dos servizos públicos, loitar contra a inxustiza global, revitalizar o noso medio rural e enfrontar o reto demográfico.»

O proxecto Onda ODS pretende desenvolver unha estratexia de comunicación encamiñada a sensibilizar e divulgar entre a cidadanía estas propostas presentando iniciativas próximas que discorran nesa liña.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.