Estrella Río García cumpriu 100 anos o pasado martes, día 27, no seu domicilio de Cangas de Foz e celebrouno xunto ao seu fillo Emilio, a súa nora Esther e outros familiares, amigos e veciños. O alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, visitaron e agasallaron á centenaria cunha cesta floral a modo de felicitación, cariño e recoñecemento do Concello por cumprir un século de vida.
Ana Rojo explica: “recibiunos cun sorriso e bicos cheos de tenrura e fíxonos participes das súas vivencias. Estrella naceu en Fazouro, no barrio do Cachón, de onde lembra aos seus anteriores veciños e veciñas; despois duns anos trasladouse a vivir ao casco urbano de Foz co seu marido e fillos. Foi nai dun fillo aínda que criou tamén ao seu sobriño Moncho, ao que quere igual que ao fillo. A familia aumentou con cinco netos, un bisneto e outro que está a punto de nacer. Na vila focega residiu a maior parte da súa vida ata fai 5 anos, desde cando vive en Cangas, nunha paraxe natural pretiño da praia dos Xuncos. Coidada e mimada pola súa familia, con século de vida ás costas, cada día levántase, vístese soa, fai a cama, ademais de dar os seus oportunos paseos polo xardín da casa.”
A concelleira de Servizos Sociais contou que compartiron con Estrella parte da tarde, “comprobando con que ilusión e ímpeto sopraba as velas, dando boa conta da súa saborosa torta de aniversario e do café azucrado, como a ela lle gusta. Felicidades a Estrella e á súa alegre familia, que nos recibiron amablemente e fixéronos partícipes de anécdotas e situacións vividas pola homenaxeada, deixándonos compartir un anaquiño do seu tempo nun día tan especial. Desexámoslle un feliz aniversario a dona Estrella e bo Nadal!”.