Estes días realízanse traballos de aglomerado na estrada de acceso a Ribadeo que discorre a carón do campo de fútbol Pepe Barrera. Estas tarefas poderían implicar estes días algúns cortes de tráfico.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, explicou que “xa na parte final da execución desta importantísima obra que estamos facendo en Ribadeo a través da Deputación de Lugo, coa que se está mellorando moitísimo o acceso á vila desde as parroquias do interior, coa ampliación da ponte de FEVE e con toda a mellora deste vial pola zona da Faxarda, desde hoxe están descargando todo o material para iniciar o aglomerado e xa encarreirando a parte final desta obra. Queremos advertir á cidadanía, sobre todo á que vive por ese entorno, que durante dous ou tres días de maneira intensa vaise estar aglomerando, vai haber algúns cortes de tráfico, pero faise necesario para que se cadra xa para a semana que vén se poidan dar xa os últimos toques para que esta obra sexa operativa e válida para o alumnado dos colexios, para toda a cidadanía das parroquias do interior que entra na vila por esta zona e, definitiva, para todo o público en xeral”.