Viveiro coordina a seguridade da romaría do Naseiro

A festividade comeza este venres e estenderase ata o próximo martes 30 de agosto e contará con 12 novos baños para a ocasión
Concello de Viveiro
Concello de Viveiro

O Concello de Viveiro celebrou hoxe a reunión de seguridade con motivo da celebración da Romaría do Naseiro, que comeza este venres e que se estenderá ata o próximo martes 30 de agosto.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o primeiro tenente de alcaldesa, Jesús Fernández, reuníronse coa organización, Protección Civil, así como cos Corpos e Forzas de Seguridade.

Na reunión tratáronse as distintas medidas a adoptar en materia de seguridade de cara á celebración do evento. Entre outros aspectos, valorouse o reparto de efectivos nos distintos puntos da romaría, un aspecto coordinado co vixilancia do resto do municipio. Como novidade, alén dos aseos xa existentes, instalaranse 12 novos baños para a ocasión.

Ademais, grazas á xestión do Concello de Viveiro coa Cruz Vermella, unha ambulancia estará presente durante a celebración. Tamén se habilitará un punto lila, para sensibilizar sobre as agresións sexuais. O Concello confirma ademais que haberá servizo de recollida de enseres, de grúa e estanse a realizar os trámites para que unha dotación de bombeiros permaneza na zona de forma continuada.

Relacionadas