Viveiro e a Deputación de Lugo denuncian que a Xunta leva tres anos de retraso no proxecto de Xunqueira

Augas de Galicia pediu unha nova prórroga de seis meses na reunión que tivo hoxe en Santiago co Concello de Viveiro e a Deputación
Imaxe dunha reunión anterior con Augas de Galicia para reducir o risco de inundacións en Xunqueira | Concello de Viveiro
Imaxe dunha reunión anterior con Augas de Galicia para reducir o risco de inundacións en Xunqueira | Concello de Viveiro
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a deputada provincial de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, participaron hoxe en Santiago na reunión da comisión de seguimento do convenio de colaboración asinado polo Concello, a Deputación de Lugo e Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas, para financiar a redacción do proxecto técnico que servirá de base para o acondicionamento do río Fontecoba, no barrio de Xunqueira, co fin de reducir os riscos de inundacións.
No encontro, Loureiro e García Porto ratificaron o compromiso total do concello e da Deputación de Lugo co proxecto. De feito, ambas entidades cumpriron coas obrigas económicas que lles corresponden no marco do convenio, que ascenden a un total de 23.000 euros por cada administración. Ao mesmo tempo, Loureiro e García Porto expresaron a súa preocupación polo retraso de tres anos que acumula a Administración autonómica na redacción e aprobación do proxecto, un procedemento que é responsabilidade da Xunta de Galicia segundo establece o convenio asinado.
Desta forma, unha vez firmado o acordo en xullo do ano 2020, a Consellería de Infraestruturas non formalizou o contrato de servizo para a redacción do proxecto construtivo ata case un ano despois, o 10 de xuño de 2021, e logo solicitou varias ampliacións de prazo. Na reunión de hoxe, Augas de Galicia pediu unha nova prórroga de seis meses, que a Deputación e o Concello decidiron conceder, “poñendo por riba de todo os dereitos e os intereses” dos veciños e veciñas. “Agardamos que sexa a última e que antes de que remate o prazo máximo, de 6 meses contados a partir do día 31 de decembro, o proxecto, que segundo nos dixeron hoxe atópase en fase de revisión, estea listo”, afirma Loureiro.
O proxecto contemplará un conxunto de actuacións que pasan, entre outras, polo aumento e naturalización do leito do río, construción dunha pasarela de acceso alternativa, reforzar as cimentacións que foron danadas, ampliación das de dúas pontes, fonte, eliminación de edificios e ruínas pegadas ao leito do río e reubicación do lavadoiro.
Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.