O Concello de Viveiro informa do balance da acción de trampeo de avespas velutinas e de retirada de niños desta especie, que foi realizada durante este 2022 por unha empresa especializada. Esta campaña impúlsase de forma anual no municipio, co obxectivo de minimizar o impacto das velutinas en Viveiro.
Dunha banda, efectuouse a fase de trampeo entre os meses de marzo e xullo, instalándose un total de 2.400 trampas. O trampeo profesional consiste na acción de instalar trampas xeolocalizadas, cuns atraentes especiais para capturar nos meses primaveirais raíñas fundadoras de niños, que tras o seu letargo invernal comezan de novo o seu ciclo. Grazas a esta acción de trampeo, capturáronse 2.857 avespas raíñas e zanganeras. Estes dous tipos de avespas teñen a capacidade de iniciar niños, pois hibernan xuntas. Para a colocación das trampas tivéronse en conta varias factores, como a proximidade ás vivendas, a detección de focos predilectos de instalación, a protección de asentamentos apícolas, así como evitar que poidan entrar dende outros municipios limítrofes.
Doutra banda, levouse a cabo a retirada de niños de avespas velutinas en distintos puntos do municipio. Concretamente, os niños retiráronse no mesmo día no que se efectuaba o aviso da súa aparición nas vivendas ou en zonas de tránsito perigosas para as persoas. Do mesmo modo, tamén se retiraron os niños tras os avisos de Protección Civil ou do persoal do Concello de Viveiro, así como os niños susceptibles de causar riscos por labores no campo, de rozadura ou de recollida de froita. Ademais, esta campaña de retirada de niños completou os medios de retirada habituais. Deste modo, retiráronse aqueles niños que non podían ser retirados polos medios oficiais debido á altura ou á proximidade a leitos de auga. Por último, este proxecto retirou tamén os niños que se atopan en zonas máis afastadas da poboación, mediante rastrexos nestas áreas, onde habitualmente se localizan unha importante cantidade de niños.
Coa campaña de 2022, o goberno local leva catro anos impulsando este tipo de acción de trampeo profesional, coa que se pretende minimizar a aparición de niños de velutina.
Discussion about this post