A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza ordinaria de hoxe 27 de xullo o proxecto básico e de execución da rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa do castelo de San Felipe para usos expositivos –tal e como se adiantara dende Enfoques-, e o deseño do contido expositivo ao abeiro do proxecto MMIAH para a recuperación e valorización do patrimonio marítimo, militar e industrial da Costa Atlántica.
Os traballos previstos nesta actuación inclúen o picado e encintado de cemento en fachadas, o picado e revocos de cal en mal estado nas bóvedas interiores, a eliminación de elementos descontextualizados -como as instalacións de saneamento na fachada-, o desmontado da instalación eléctrica existente, a demolición de fábricas de ladrillos ou bloque descontextualizados, a limpeza dos muros de cantería, a execución da cuberta -con recrecido, lámina impermeabilizante e acabado con lousas de granito-, a colocación de carpintería de iroko en portas e vidro fixo nas fiestras, a colocación de elementos expositivos -caixóns de soporte de maquetas e paneis retroiluminados-, instalación eléctrica e dotación de elementos de loita contra incendios.
O orzamento co que contarán estes traballos é de 99.999,99 euros e o seu prazo previsto de execución está pensado que durará catro meses. Esta foi unha iniciativa conxunta das concellerías de Patrimonio e de Patrimonio Histórico, e tal e como avanzouse hoxe pola mañá a licitación da obra é inminente.
Obras de urbanización da rúa Basanta
O concelleiro informou tamén de que a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación da segunda fase das obras de urbanización da rúa Basanta, incluídas no Plan Único de Concellos POS 2019, á empresa Ogmios Proyecto na cantidade de 421.160,36 euros, o que implica unha redución de 104.747,64 sobre o orzamento base de licitación, que era de 525.908.
Esta actuación terá unha garantía de cinco anos, cun incremento de catro sobre o recollido nos pregos de contratación. O prazo de execución establécese en seis meses. A segunda fase dos traballos de urbanización da rúa Basanta ten como obxectivo ampliar unha vía que nalgúns puntos non ten máis de catro metros de ancho, e que agora pasará a ter unha plataforma de 14, incluíndo dous carrís de 2,80, dúas bandas de estacionamento de 2,20 e sendas beirarrúas de 2 metros. O tramo ao que afecta esta actuación supera o medio quilómetro de lonxitude.
Discussion about this post