Un novo cisma ábrese no comité de empresa de Navantia Ferrol. A actual situación da empresa, agravada en parte pola crise do Covid, está a xerar máis friccións das habituais entre os diferentes sindicatos e evidencia as discrepancias de criterio entre as centrais de traballadores. A Confederación Intersindical Galega (CIG) acusou onte a Comisións Obreiras (CCOO), que preside o comité, de “crear división entre os sindicatos para favorecer os intereses da empresa.
O sindicato nacionalista acusou nun comunicado a CCOO de actuar en connivencia coa dirección da factoría ao popoñer “a creación dunha bolsa de contratación eventual non publicitada na convocatoria do 2019 e dirixida, principalmente, para técnicos superiores”.
“Crear unha bolsa temporal é unha estratexia de perda de tempo e resta urxencia a axilizar a convocatoria do presente ano”, explican desde a CIG. “Insistimos en que hai que forzar á empresa a que acabe o proceso do ano 2019 e a que axilice a convocatoria do 2020 a través dun proceso digno dunha empresa pública, é dicir, con exames que permitan escoller ás persoas máis capacitadas e non as mellor relacionadas”.
Pola súa banda, CCOO denunciuo, referíndose ao sindicato CIG, “a incapacidade que teñen algunhas organizacións para chegar a acordos, non coa dirección, senón coas demáis organizacións sindicais, dubidando constantemente da boa fé das nosas propostas”. O sindicato maioritario no comité de empresa explicou que a proposta da bolsa de contratación eventual tivo “un amplo respaldo de 16 dos 22 delegados”.
“A intención de dita proposta é esixir a recuperación das capacidades que tiña a parte técnica na nosa factoría, priorizando a contratación en ditas áreas, e complementando dita convocatoria con persoal eventual se fose necesario en lugar de optar pola subcontratación”, apuntaron desde a sección sindical de CCOO Industria. Ademais, acusaron á CIG de “priorizar a súa estratexia sindical por enriba dos intereses dos traballadores”.
Discussion about this post