A Deputación da Coruña triplica este ano o investimento destinado á Casa de Acollida a vítimas de violencia de xénero do Concello de Ferrol, e polo tanto a axuda pasa de 32.569 euros do exercicio anterior a 100.891,64 euros. Deste xeito, reforzarase e dotarase de máis recursos un servizo social esencial como este cando é máis necesario.
O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e a deputada de Igualdade, María Muíño, asinaron esta mañá na sede provincial o acordo a través do que a Deputación achega o 26,43 % dos orzamento anuais de mantemento deste centro que dá atención ás vítimas desta lacra social e aos menores dependentes delas desde o ano 1986.
A Casa de Acollida de Ferrol
Esta entidade constitúe un recurso de estadía temporal, atención e recuperación para estas mulleres, así como para os e as menores ao seu cargo. Así, ofrécese un servizo esencial para a protección e atención destas persoas ante unha situación de grave risco como esta. O espazo permite a estas persoas, en situación vulnerable,recibir apoio, información e asesoramento en materia social, xurídica e psicolóxica no momento máis complicado.
Maior investimento nun momento de maior necesidade
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que a Deputación “triplica este ano o seu investimento nun marco de crise económica pero tamén nun momento no que este compromiso é máis necesario que nunca”, xa que a Casa de Acollida de Ferrol, que presta servizo a toda a comarca, “mellora a vida dun colectivo especialmente vulnerable” como é o das mulleres que sofren a violencia de xénero.
O alcalde, Ángel Mato, agardeceu a sensibilidade da Deputación neste tema e destacou que para a Casa de Acollida de Ferrol “é fundamental este apoio da Deputación da Coruña, unha das poucas administracións que en tempo de pandemia respostou sempre ás necesidades dos municipios”. “Este é un ano delicado, especialmente tamén para esas mulleres máis vulnerables e que se faga este esforzo é clave para poder garantir un servizo básico como este”, afirmou o alcalde.
A deputada de Igualdade, María Muíño, sostivo que o convenio “reflicte o compromiso desta Deputación contra a violencia de xénero” e subliñou que permitirá aumentar o persoal do centro para mellorar a atención a este colectivo.
Discussion about this post