O Consello Sectorial Municipal de Igualdade e Muller do Concello de Ferrol decidiu na súa reunión de onte pola tarde propoñer a Ana Jesús López Díaz para a medalla Emilia Pardo Bazán deste ano. Nunha reunión presidida pola concelleira Cristina Prados, o organismo elixiu por maioría, entre as catro candidaturas presentadas, a López Díaz pola súa destacada traxectoria tanto profesional como no eido da igualdade.
No seu extenso currículo destacan, entre outros méritos, que foi directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña e que foi unha das fundadoras da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia, na que ocupou diversos postos de responsabilidade. Tamén elaborou o primeiro plan de igualdade da UDC e conta cunha grande experiencia na avaliación do impacto da violencia de xénero.
Entre outros aspectos relevantes, o Consello tamén sinalou o seu labor para conectar a vida universitaria co tecido asociativo ferrolán. Ana Jesús López é natural do municipio lucense a Pobra do Brollón e reside en Ferrol dende hai aproximadamente 30 anos.
O Goberno galego creou as medallas Emilia Pardo Bazán para recoñecer o traballo dos colectivos e das persoas que desenvolven unha actividade en favor da igualdade entre homes e mulleres. Este será o segundo ano que se entregan.
Discussion about this post