A Concellería de Servizos de Mugardos está a poñer en marcha solucións para o problema de acumulación de enseres nas vías públicas, que pon en perigo a seguridade e a saúde da poboación. Segundo informan desde o departamento, o depósito irregular de enseres provoca que durante semanas estean arroxados nas rúas mugardesas centos de restos de mobiliario, electrodomésticos ou refugallos, onde a empresa contratada certifica que entre o 8 de xuño e o 8 de agosto -dos meses- fixo acopio de máis de 40.000 kilos de enseres.
Nas últimas semanas as queixas da veciñanza teñense multiplicado debido á actitude incívica dalgúns veciños e veciñas. Por este motivo a concellería decidiu ampliar as canles de comunicación para informar do depósito de enseres, que tamén poderá realizarse a través do servizo Mugardos en Liña, sempre que se estea dado de alta como usuario.
Unha mensaxe por Whatsapp
As persoas interesadas en darse de alta deben engadir á lista de contactos do seu teléfono o número 638 167 088 co nome “Mugardos en Liña”. Unha vez feito, deberase enviar un whatsapp ao contacto “Mugardos en Liña” co texto “Alta información Concello de Mugardos”. Unha vez recibida a mensaje de benvida, os usuarios e usuarias do servizo que desexen informar dun depósito de enseres, simplemente terán que enviar unha mensaxe coa dirección do depósito e a relación de elementos que se teñen previsto depositar.
Lémbrase que esta é unha canle máis de comunicación para o servizo de recollida de enseres, que poderá seguir realizándose presencialmente nas oficinas municipais, chamando ao 981 470 290 -extensión: #2028- de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas, ou por correo electrónico. Sexa cal sexa a canle elixida para comunicar o depósito dos enseres, este deberá realizarse sempre o domingo anterior a o luns de recollida.
Discussion about this post