Onte mércores 12 de agosto celebrouse no pazo municipal unha nova sesión da comisión de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación, na que se deu conta aos grupos da oposición do inicio esta semana de tres importantes obras para a cidade. A primeira é a reurbanización da rúa Carmen Curuxeiras, unha actuación que supón unha significativa mellorar para o barrio de Ferrol Vello e que conta cun orzamento de 268.499 euros.
Os traballos contemplan o mantemento das lousas tradicionais de pedra que aínda se conservan nesta vía, mentres que o resto do pavimento será retirado. Todas as instalacións -eléctricas, de telecomunicacións e de gas- serán soterradas e renovaranse as canalizacións do abastecemento de auga e dos sumidoiros. A iluminación será substituída por puntos de tecnoloxía LED sobre catenaria e o mobiliario urbano será renovado por completo.
O barrio de Recimil e o CHUF
Pola súa banda, o pasado luns tamén deron inicio na rúa Ares os traballos de rehabilitación das envolventes do edificio situado nos números 1 e 2. As obras teñen un prazo de execución de tres meses e supoñen para o Concello dar continuidade á recuperación do barrio de Recimil, ao que se destinaron boa parte dos investimentos financeiramente sostibles deste ano. Foron adxudicados por 282.885,50 euros e van supoñer unha importante mellora nos bloques de vivendas aos que afectan.
Tamén esta semana, onte mesmo, tivo lugar a firma da acta de inicio de obra para a construción do novo aparcadoiro municipal do CHUF, uns traballos adxudicados por 241.300 euros (IVE incluído). A superficie sobre a que se actuará é de 4.220 metros cadrados, dentro dunha parcela municipal de moita máis extensión, a meirande parte da cal é unha zona de monte na que non se vai intervir. O acceso situarase na rúa Irmandade de Doadores de Sangue e contará con 123 prazas de estacionamento, catro das cales estarán reservadas para persoas con mobilidade reducida.
Discussion about this post