O goberno de Cedeira pide á población local -veciños e visitantes- un uso responsable da auga polo estado de prealerta, por seca hidrolóxica, que a Xunta acaba de activar no municipio. Esta situación tamén está a afectar ao conxunto da comarca do Ortegal e á Mariña de Lugo.
O executivo local considera necesario aclarar que non existe risco de abastacemento pero recoñecen que supón a adopción de medidas de tipo preventivo, como extremar o control e vixilanza ou mellorar a eficiencia do uso da auga, polo que dende o concello piden a máxima colaboración por parte da veciñanza.
Neste sentido, recordase que consumir auga con moderación é encher a lavadora ou o lavavaixelas antes de botalos a andar e poñer un programa axeitado; optar pola ducha fronte a bañeira; pechar a billa mentres te enxaboas ou cepillas os dentes; empregar un caldeiro para lavar o coche; ou rega cedo ou a tardiña aproveitando o solpor, entre outras posibles medidas.
O equipo de goberno de Cedeira entende así mesmo que na situación actual é necesario que cada un dos habitantes da comarca poña as medidas que axuden a aforrar o consumo da auga, ao tempo que fan constar que os episodios de seca obedecen á escaseza de precipitacións e á baixada do caudal dos ríos.
Discussion about this post