Esta fin de semana bota a andar o programa de Xeorrutas no concello de Cedeira, unha iniciativa que está en marcha desde o 2016 e que o ano pasado superou todas as expectativas cunha participación de 507 persoas. A día de hoxe máis de 2.000 persoas tomaron parte nas Xeorrutas organizadas polo Concello cedeirense.
O programa deste ano consta dun total de 33 saídas- de venres a domingo- ata a segunda quincena do próximo mes de setembro e a oferta inclúe saídas xeolóxicas guiadas polas rutas das Praias Negras, Granate, Cantís, Cromo e Litoral.
O catedrático en Xeoloxía Francisco Canosa volverá a estar un ano máis á fronte destas experiencias, que favorecen o coñecemento do territorio e están pensadas para familias e afeccionados á natureza e espazos ao aire libre. Porén, o único que cambiará con respecto ao ano pasado é a utilización de máscara e o distanciamento social, ambas as dúas de maneira obrigatoria.
A participación segue a ser de balde e os interesados deben inscribirse a través da oficina de Turismo, no correo electrónico [email protected] ou mesmo a través do blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.es. Tamén poden recadar máis información no teléfono 981 482 187 e na páxina web http://turismo.cedeira.gal.
As Xeorutas de Cedeira e a súa dispoñibilidade
A ruta das Praias Negras permítenos tomar contacto coa única praia de area negra non volcánica do planeta, así como cos cantís máis altos da Europa continental. As saídas están programadas para os días 5, 11, 19 e 26 de xullo, o 1, 9, 14, 22 e 30 de agosto e o 5 e 11 de setembro.
Por outra banda, a ruta do Granate discorre por un sendeiro de pescadores e conta cuns 5 quilómetros existentes entre o mosteiro de San Andrés de Teixido e enseada chamada das Cortes. As saídas serán o día 24 de xullo, 8 e 23 de agosto e 6 de setembro.
Outra ruta que permite ofrecerlle ao visitante a posibilidade de contemplar unhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada é a ruta dos Cantís. Neste tramo hai agochada unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 metros de altitude e rochas de hai millóns de anos. O programa permite visitar esta ruta os días 4, 17 e 31 de xullo, o16 e 29 de agosto e o 4 e 13 de setembro.
A ruta do Cromo trátase dunha zona que xeoloxicamente destaca pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie do noso planeta. Asociadas a elas foron descubertas acumulacións de minerais de cromo e platino. Quen quera poderá visitala os días 3, 12 e 18 de xullo, o 2, 7, 15 e 28 de agosto e o12 de setembro.
Finalmente está a ruta do Litoral -que se poderá realizar os días 10 e 25 de xullo e o 21 de agosto-, a cal amosa un paseo xeolóxico pola contorna do porto da vila de Cedeira e da praia urbana da Madalena e na que, ademais, se inclúe unha visita ao xacemento arquelóxico de Punta Sarridal.
Discussion about this post