O Concello de Cedeira recuperará para uso público o antigo escolar de Santalla, unha propiedade municipal utilizada durante os últimos sete anos pola Organización Juvenil Española (OJE). Esta decisión responde á extinción, por mutuo acordo, do contrato que a administración local subscribira no 2013 coa entidade xuvenil e pon “freo ao erro histórico que foi a súa concesión”, segundo apuntou o alcalde, Pablo Moreda, no pleno no que a proposta do goberno resultou aprobada por unanimidade.
A recuperación da propiedade abre a posibilidade, segundo o rexedor municipal, de adaptar o inmoble para acoller un albergue na planta baixa e unha vivenda na superior. O albergue permitiría aloxar turistas e peregrinos, mentres que casa sería para casos de emerxencia social “moi necesaria”, segundo o alcalde. O antigo escolar, situado na parroquia de Cervo, consta dunha primixenia construción escolar á que posteriormente foi engadido un soportal.
Remanante
O pleno, que tivo carácter extraordinario, serviu tamén para aprobar un remanente de tesourería que, por un importe de 408.509,59 euros, dará lugar a un conxunto de 45 actuacións como a subministración de áis de 900 lámpadas led para distintos lugares da zona rural, a mellora de camiños públicos en Fernando Lago, Cordobelas e Bouzas e a construción de beirarúas no cemiterio municipal.
Tamén se contempla a realización dunha nova rede de saneamento na rúa Amor Hermoso, a pavimentación de pistas municipais, a recuperación integral do río Condomiñas a realización dun mural exterior na escola infantil e o arranxo de fontes públicas. Este punto saiu adiante cos votos a favor do equipo de goberno e do BNG e a abstención do grupo popular.
Discussion about this post