O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, calificou de “absolutamente lamentable” a actitude que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, está a manter cos veciños e co executivo local no día que se cumpre un ano desde que o Concello pedira unha reunión para falar da ampliación do centro de saúde.
O equipo de goberno segue a considerar “prioritaria” a realización dunha obra que incrementaría ata un 40% a actual capacidade do centro e para a que o goberno municipal fixo os deberes coa compra da propiedade que garante a viabilidade do proxecto. A adquisición supuxo un desembolso superior aos 60.000 euros.
O rexedor municipal apunta que “ninguén da Consellería se puxo en contacto comigo nestes 365 días”, ao tempo que esixe explicacións por parte dos seus responsables para que a veciñanza e os seus representantes “deixemos de ter a sensación de orfande ante a Xunta, para a que Cedeira importa moi pouco”, dixo.
Moreda considera que a falta de resposta obedece a unha ausencia de compromiso “con Cedeira e a súa xente” e recorda que existe un acordo do Parlamento de Galicia polo que se instaba á Xunta a dialogar co Concello de Cedeira para mellorar a asistencia sanitaria coa ampliación do actual centro de saúde. “Unha decisión parlamentaria”, apunta, “que Sanidade vén incumprindo sistematicamente”, ao tempo que denuncia a precariedade dalgúns servizos como o de pediatría, que mobilizou á veciñanza en demanda dunha consulta propia no municipio.
A escaseza de consultas, deficiencias estruturais no servizo de Urxencias, ausencia de salas de reunións, ademais de goteiras e accesos deficientes, son outros problemas que o executivo vén denunciando co apoio dos propios profesionais e traballadores do centro médico.
Ante estas realidades, o Concello de Cedeira optou no ano 2018 por darlles solucións adquirindo a planta baixa, a terceira e o baixo cuberta do inmoble anexo ao centro de saúde, para garantir a súa ampliación. Este compromiso deu lugar posteriormente á cesión da propiedade á Consellería de Sanidade.
Discussion about this post