Apenas unha semana despois do fin das negociacións entre empresa e sindicatos polo anuncio dun ERE e dun ERTE para máis de 130 traballadores, o Grupo Malasa, propietario da empresa Noa Madera Creativa, fixo efectivo o despedimento de 68 empregados da planta de Vilar do Colo, en Fene, e mandou para casa, de forma temporal, a outros 68 traballadores.
A CIG, sindicato maioritario do comité de empresa, anunciou onte que tomará todas as medidas «legais, sociais ou de iniciativa política» necesarias para evitar que Grupo Malasa desmantele Noa. A central sindical acusa á empresa de «vulnerar de dereitos fundamentais e de liberdade sindical na que incorreron con aleivosía, despedindo os lexítimos representantes dos traballadores e traballadoras, a quen tiña redución de xornada por coidados, ou metendo no ERTE o persoal que ao seu entender resulta máis incómodo».
Do mesmo xeito, o sindicato cualificou de “falta de escrúpulos” que a empresa anunciase o ERE e o ERTE «nunha situación de pandemia e estado de alarma que limitou en gran medida a capacidade e lexítimo dereito á mobilización”. A CIG lembrou, ademais, que o Grupo Malasa alegou para xustificar os despedimentos causas económicas e organizativas, pero que “non foron quen de demostrar os seus argumentos”, apuntando que a empresa “amorea beneficios” e que o persoal de Noa “ten unha grande experiencia”.